
Un grupo de profesionais da Área Sanitaria de Vigo presentaron hoxe a sexta edición do calendario solidario “Amanecer 2023”, que eles mesmos protagonizaron. Os beneficios do calendario irán destinados á Asociación de Doadores e Receptores de Órganos de Vigo, ADROVI, e a Asociación Frangil contra a Leucemia.
Este grupo, coordinado pola TCAE (Técnica de Coidados Auxiliares de Enfermaría), Carmen Pellitero, está composto por 75 traballadoras e traballadores de diferentes categorías profesionais, xa que ademais da enfermaría participaron médicos, celadores, persoal de seguridade así como o xefe de servizo de HADO, Luis Amador, e o Coordinador de Transplantes, Lucas Lage. Tamén participaron os actores Carlos Blanco, Laura Villaverde e Cova Berdiñas.
Realizouse unha tirada inicial de 1.300 calendarios e a previsión é acadar 13.000 euros de recadación.
Fotografías sobre cadros universais
Este ano a temática do calendario versou sobre a recreación de obras de pintura universais, para o que contaron coa colaboración desinteresada do fotógrafo Anxo Rey; do estudo de deseño gráfico Pepe Fernández; da Floraría Liken; así como das modistas Mª Julia Comesaña e Ana Mª Alonso. Ademais, hai que subliñar a participación de docentes e alumnado do IES de Teis, en concreto dos Ciclos de Asesoría de imaxe persoal e corporativa, e de Peiteado e Cosmética.
Así, os profesionais convertéronse nos protagonistas de cadros como As Meninas, de Velázquez; Lección de Anatomía, de Rembrandt; El parasol, de Goya; Comida de Boda en Bergantiños, de Sotomayor; Santa Catalina de Alejandría, de Caravaggio; ou Noctámbulos de Edward Hopper, entre outros.