O BNG propón un bono eléctrico de 300€ para autónomos

O BNG, a través da súa Portavoz Nacional, Ana Pontón, defende o máximo apoio dos orzamentos da Xunta para 2023 ás pequenas e medianas empresas polo seu papel clave na creación de emprego, e propón un bono eléctrico de 300€ para autónomos. Pontón destaca o papel clave das pequenas e medianas empresas na creación de riqueza e de emprego e anuncia algunhas das propostas que o BNG levará aos orzamentos de 2023 de apoio aos autónomos e PEMES.

“É un sector que temos que apoiar desde a Administración e por iso avanzamos algunhas das medidas que propoñemos incluír nas contas públicas do próximo ano, nun contexto de dificultade e de incerteza económica no que o Goberno da Xunta debe activar toda a capacidade que lle dan os orzamentos para apoiar á PEMES e ás persoas autónomas”, explicou a líder do Bloque.

Un dos aspectos fundamentais é, ante o descontrol do prezo da luz, a proposta dun bono eléctrico para as persoas autónomas cunha subvención de 300 euros/ano, “que lles permita paliar o incremento da factura enerxética e dos carburantes”, indicou. Así mesmo, sinala que coa escalada inflacionista ten aínda máis vixencia a proposta do Bloque dunha tarifa eléctrica galega, “que lle abarate a factura tamén ao tecido produtivo formado por PEMES e autónomas, tendo en conta que Galiza é produtora neta de electricidade”.

Desde o BNG de Gondomar salientan a importancia destas medidas para todo tipo de empresas e, en particular, “no noso concello, onde existe un gran número de negocios de hostalaría e salóns de peiteado que son moi castigados polos prezos desorbitados da enerxía eléctrica”, indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.