O enterro do kiko pon fin ao Entroido de Nigrán

O Concello de Nigrán pechou este sábado o seu Entroido co tradicional enterro do kiko, evento realizado sempre coa colaboración do Centro Cultural Parada do Miñor. O “kiko” saíu desde o Auditorio Municipal tirado por un carro de bois e acompañado por un cortexo fúnebre composto pola comparsa de Parada, a charanga “Cantos Somos”, “autoridades” e demais asistentes. A continuación, foi velado no Torreiro de Parada, onde o pregoeiro Antonio oficiou un funeral no que non faltaron as coplas que con moita sorna elabora cada ano para a ocasión. Despois tivo lugar a procesión polo barrio da Igrexa e a queima. A xornada rematou á noite co concerto de D’Líder (Prosy e María Rúa).

Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico “Enterro da Sardiña”, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai seis anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal e co kiko tirado por un carro de bois.


El pase de diapositivas requiere JavaScript.