Manifesto Miñor presenta unha moción sobre a tramitación do PXOM de Gondomar

Manifesto Miñor vén de presentar unha moción para ser tratada no vindeiro pleno de novembro co obxecto de abrir o debate público e sacar do ostracismo a tramitación do PXOM de Gondomar. “Non é de recibo que D. Paco Ferreira, despois de afirmar publicamente en 2018 solemnemente e con contundencia que el mesmo se facía cargo do PXOM para sacalo adiante dada a “incompetencia” do concelleiro de Urbanismo de Manifesto Miñor (Antonio Araújo); incluso despois de adiantar publicamente varias datas para a súa aprobación inicial, o certo é que a día de hoxe nada se sabe do PXOM e arredor do mesmo só hai secretismo e opacidade por parte do goberno municipal e do Sr. Ferreira”.

“A Comisión de Seguimento do PXOM desapareceu do organigrama municipal e nada se sabe dos traballos da equipa que o redacta; das xestións ou dos informes sectoriais que os diferentes organismos públicos teñen que emitir; se as máis de 600 suxestións feitas pola veciñanza e colectivos ao borrador foron incorporadas ao mesmo, etc, etc. O único que nos chega publicamente á veciñanza e aos grupos da oposición municipal é a propaganda que periodicamente emite o Sr. Ferreira como foi caso da xuntanza mantida coa Directora Xeral de Urbanismo en Santiago en xuño de 2021 onde anunciaron un suposto asesoramento e colaboración entre a Xunta e o Concello de Gondomar para axilizar a tramitación do PXOM. Un ano e pico despois seguimos igual. U-lo a colaboración e os resultados?: propaganda e fume”, lamenta Antonio Araújo.

En Manifesto Miñor pensan que 25 anos despois da aprobación do primeiro PXOM da historia de Gondomar, “que senón fora pola política curtopracista dalgúns (PSOE) e os intereses espurios doutros que se cebaron no mesmo”, hoxe estaríamos xustamente no horizonte temporario da súa revisión. “Pasado todo este tempo e malia que a súa vixencia só durou entre 1997 e 2005, hoxe ninguén dubida dos beneficios e dos avances que o mesmo supuxo para Gondomar. Foi un PXOM eficaz na súa xestión e cunha ordenación territorial asumida pola inmensa maioría da veciñanza e dos axentes sociais. Grazas ao mesmo hoxe podemos presumir, por exemplo, da situación da Vila de Gondomar cun deseño aceptable: alturas acotadas, zonas verdes, rúas novas, etc, ou de sentar as bases dunha ordenación do noso territorio sobre a idea de facer de Gondomar un lugar para vivir, para traballar, para xerar riqueza…. poñendo en valor todas as nosas potencialidades”.

Araújo destaca que todo isto foi posible grazas ao debate público e á participación social e veciñal que dalgún xeito guiou aos representantes públicos “para que acadásemos os consensos necesarios e saber estar á altura das circunstancias que esixía o momento”. Así foi como se aprobou cunha amplísima maioría (15 votos a prol PP-BNG e 2 en contra PSOE) o primeiro PXOM da historia de Gondomar. “Lamentablemente o realizado neste mandato que xa vai de resto por parte do Goberno Municipal, vai xustamente na dirección contraria. Cero debate, cero información e moita propaganda. A única certeza que temos a día de hoxe é o mantemento da subvención da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia concedida no ano 2009 (Resolución de 13/04/2022 asinada pola Xefa do Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria da Xunta de Galicia) que garante uns mínimos para pagar os traballos da redacción do PXOM. Menos dá unha pedra”.

Chegados a este punto onde despois de 17 anos o Concello de Gondomar segue sen ordenar o seu territorio, para Manifesto Miñor se poden coller dous camiños: o dos reproches para ver quen ten máis responsabilidade nesta situación e conseguir uns centos de votos máis nos vindeiros comicios municipais, ou coller o camiño do traballo e do debate serios, con información, participación e transparencia, para sacar adiante un PXOM para Gondomar por unanimidade. “Nós sabemos que iso é posible pois case se consegue hai 25 anos”, apunta Araújo.

Para Manifesto Miñor cómpre comezar a camiñar sen máis atrasos polo que propoñen ao Pleno acordar poñer a disposición de todos os concelleiros canta información exista a respecto da tramitación do PXOM de Gondomar así como convocar a Comisión de Seguimento do PXOM, conxuntamente coa equipa redactora do mesmo, para antes de finalizar o ano que andamos. “Sexa cal sexa o resultado da votación no Pleno, o que lle vai quedar claro a toda a veciñanza de Gondomar é a vontade política do Goberno Municipal sobre este asunto ou a súa incapacidade para xestionar as cousas verdadeiramente importantes para Gondomar. Dende logo por Manifesto Miñor non vai quedar e aló cada quen coa súa responsabilidade”, conclúe Araújo.