
O grupo de fusión de arte Solaina Val Miñor presenta o libro “Samagostín”. Esta obra nace para dar a coñecer entre os máis pequenos o Samaín, como unha das tradicións máis ancestrais do acervo cultural de Galicia. O papel da educación na recuperación das tradicións é fundamental, por iso este libro está dedicado en parte, ao profesorado do Val Miñor para destacar o seu importante traballo en conservar as nosas raíces dese a infancia.
“Samagostín” forma parte da colección Emocionaria, un conto unha emoción. Neste caso, o libro trata o medo que sofren os máis pequenos da casa aos seres escuros que roldan a festa de Samaín. “Samagostín” conta con 36 páxinas a todo cor, con numerosas onomatopeias, e finaliza con actividades educativas e fantasmagóricas para xogar en familia.
O libro preséntase mañá venres 28 de outubro ás 18:00 horas no Auditorio do Concello de Nigrán, e o 30 de outubro ás 17:00 horas no antigo matadoiro municipal do Concello de Gondomar. Convidan a ir disfrazados.
Solaina
Solaina é un grupo de fusión de arte do Val Miñor, composto por tres mulleres, a escritora e poeta Soledad García, a ilustradora Laine Villero e a deseñadora gráfica Natalia Guisande. O seu nome é a unión das súas tres primeiras sílabas: So-lai-na. Este grupo nace da unión de tres mulleres amigas e nais que buscan fusionar a arte da escrita e a pintura cun compromiso ambiental e de bo facer para potenciar a lectura nos máis pequenos e o respecto e coidado da natureza na súa terra.
O seu primeiro traballo “Dedas” é un álbum ilustrado evolutivo, didáctico e inclusivo para nenas e nenos de 1 a 6 anos. Despois publicaron a segunda parte “Un Paseo por Nigrán (Costa)”, onde o personaxe principal de Dedas, unha serea, vai de paseo a coñecer Nigrán. Máis tarde, en xuño, presentaban a terceira parte, “Un paseo por Baiona”, para destacar a importancia dos garranos da Serra da Groba e a protección do seu hábitat a través dun conto guía con roteiro pola costa de Baiona e actividades ecuestres.
Tamén destaca a súa acción solidaria co seu libropoema no acto de homenaxe que organizou o Concello de Baiona para dar as grazas ao persoal sanitario e a Protección Civil polo seu encomiable traballo durante a pandemia covid. O poemario leva por título “Poemarcovida, palabras de imaxe e vida”.