Anuncios
Ticker de novas

A Garda Civil investiga a un menor de idade por allanamento e roubo en Nigrán

A Garda Civil esclareceu onte un roubo que se cometeu nunha vivenda do municipio de Nigrán e investiga a un mozo, menor de idade, como suposto autor do mesmo.

As investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto da Garda Civil de Baiona-Nigrán, iniciáronse como consecuencia da denuncia presentada esta semana por unha veciña do municipio de Nigrán, polo roubo de 400 euros do interior da súa vivenda.

Segundo o relato da denuncia, os feitos sucederon en pleno día. No breve espazo de tempo comprendido entre as 11:20 e as 11:30 horas, alguén entrara na vivenda a través dunha xanela que estaba aberta, e levou 400 euros en metálico que gardaba no dormitorio da súa filla.

Por mor das primeiras indagacións establécese unha liña de investigación para identificar e localizar ao principal sospeitoso: un mozo que esa mesma mañá estivera en varias casas do barrio ofrecendo rifas para un sorteo que organizaban nun bar de Baiona.

As pescudas concluíron cando a Garda Civil localiza a este mozo, un menor de 16 anos que, ante a presenza dos seus pais, recoñeceu a autoría do roubo. O menor restituíu unha pequena cantidade de diñeiro que aínda levaba consigo e alegou que o resto, ata 205 euros, dérallo a un amigo para axudarlle a sufragar os gastos da obtención do permiso de conducir.

As dilixencias instruídas, das que resulta investigado este mozo menor de idade, polos delitos de roubo con escalo e allanamento de morada, foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Vigo e á Fiscalía de Menores.

Dentro das investigacións, unha vez máis, foi fundamental a colaboración cidadá, que de maneira incesante comunica á Garda Civil multitude de datos e que se desenvolve principalmente a través do Tlf. 062, do portal da internet “Colabora” deste Corpo e dos perfís oficiais nas redes sociais do mesmo www.guardiacivil.es, sugerencias@guardiacivil.org, Garda Civil (Facebook) e @guardiacivil (Twitter).

Anuncios