O programa “Coidados porta a porta” regresa a próxima semana a Baiona

A campaña de “Coidados porta a porta” que ofrece coidados médicos gratuítos a maiores de 55 anos chegará a Baiona a próxima semana. O goberno local, a través da Concellería de Servizos Sociais, solicitou á Xunta este servizo, que se presta mediante unidades móbiles que realizan visitas de varios días aos municipios rurais. Nestes vehículos ofrécense servizos de oftalmoloxía, audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria ás persoas que non teñen facilidades para acceder a estas prestacións.

Unha unidade móbil deste servizo visitará o municipio os próximos días 4, 7, 8 e 9 de novembro na Avenida Arquitecto Jesús Valverde (entrada ao Parador de Baiona). Instalarase neste lugar para prestar de forma gratuíta os servizos en horario de atención de 9:00 a 20:00 horas. Para máis información e cita previa no teléfono 622748283 ou no correo coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

Desde a Concellería de Servizos Sociais do Concello de Baiona anímase á poboación maior de 55 anos do municipio a participar neste programa, destinado especialmente a efectuar revisións e valoracións auditivas, atención podolóxica para prevención e tratamento das principais patoloxías e realización de probas de valoración cognitiva para a prevención de doenzas como o Alzhéimer ou demencias neurodexenerativas.