Nigrán presenta o libro “A porta do inferno. O campo de concentración de Camposancos” e o documental “Aillados”

O Concello de Nigrán continúa este domingo 23 ás 19:00 horas no Auditorio Municipal coa programación do Mes da Memoria Histórica coa presentación do libro “A porta do inferno. O campo de concentración de Camoposancos” e o documental “Aillados (a memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón)”. En ambos casos estarán presentes os seus autores e se establecerá un coloquio posterior. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

José Antonio Uris Guisantes e Víctor Santidrián Arias realizaron esta investigación histórica que reconstrúe a orixe de Camposancos e a súa relevancia na configuración da represión fascista en España. O aparello represor que o franquismo puxo en marcha durante a guerra e sostivo durante a postguerra tivo a súa orixe nun antigo colexio dos xesuítas reconvertido en campo de concentración onde se torturaba e asasinaba os republicanos que caían en mans dos fascistas. Por Camposancos, no municipio pontevedrés de A Guarda, pasaron entre 5.000 e 6.000 prisioneiros de guerra entre 1936 e 1941.

A continuación, e tamén vinculado a este tema, proxectarase o documental de Antonio Caeiro “Aillados (a memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón)”, tamén coa presencia do seu autor. Este lugar, desde 1936 campo de concentración e cárcere, perdeu a súa vella historia de cenobio e lazareto para converterse en memoria da guerra. Alí sufriron e morreron centos de homes. Mozos e vellos, comunistas, socialistas, nacionalistas ou simplemente republicanos, puideron coñecer por medio do inspector Lago Búa, do tenente Rabioso ou do xesuíta Padre Nieto o que ía ser a Nova España.

A programación a pechará o mércores 26 ás 20:00 horas a presentación do libro “Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)” de Xosé Álvarez Castro, acto no que colabora o Instituto de Estudos Miñoráns. Con este traballo o autor completa a investigación de “Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939)”, publicado tamén por Xerais en 2013. Nesta nova obra, amplía o territorio estudado a toda a provincia e o espazo temporal ata principios da década de 1950. O libro analiza as características e modulacións que adoptaron a represión e a resistencia no chamado “primeiro franquismo”. A represión empregada contra a oposición política, a represión económica, a sufrida polas mulleres e a efectuada contra a masonería teñen un tratamento especial. Por outro lado, afóndase nas formas, composición e actuacións da resistencia contra o Réxime, tanto a través das organizacións políticas clandestinas como dos distintos grupos da guerrilla, así como as estratexias empregadas polas autoridades franquistas para combatelas. Adoptando un tratamento crítico e rigoroso das variadas fontes documentais que o autor emprega, o libro presenta un enfoque didáctico e divulgativo.

Mes da Memoria

O Mes da Memoria celébrase en Nigrán cada mes de outubro en homenaxe á “Volta dos 9”. O suceso tivo lugar o 15 de outubro de 1936, cando se executaron a nove veciños do Val Miñor (cinco deles de Panxón) como vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes, a súa asistenta Dolores Samuelle e tamén un dos falanxistas. Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños de todo o Val Miñor detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e como vinganza, os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baiona. Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaron con esmero aos autores, estas sempre volveron a ser debuxadas. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces se manteñen, agora impresas, como recordo de todo aquilo que sucedeu.