
Baiona acolle esta fin de semana a final da Liga Nacional Feminina de Vela – Trofeo Isonor, unha competición impulsada pola Real Federación Española de Vela para potenciar a participación de mulleres en regatas. O Monte Real Club de Yates será o encargado de organizar as últimas probas dun circuíto que, tras pasar polo Abra (Women’s Sailing Cup), Alacante (Tabarca Vela) e Palma de Mallorca (Copa do Rei MAPFRE), chega a Galicia para decidir á mellor tripulación feminina de España.
Na final, patrocinada polo Grupo Isonor, participan equipos formados integramente por mulleres que, a bordo de monotipos J80, disputaranse un mínimo de dúas e un máximo de seis regatas no interior da baía de Baiona. Serán percorridos entre boias, do tipo barlovento sotavento, de dobre volta, que puntuarán en tempo real e que lles permitirán ás tripulacións eliminar o seu peor resultado a partir da cuarta proba disputada.
Entre as participantes, a comunidade autónoma galega é a que conta cun maior número de representantes, cun total de tres. Por Galicia corren o Pazo de Cea, de Rosario García; o SND Cormorán, de África Alonso; e o Miudo, de Marta Ramada.
Desde as Palmas de Gran Canaria chega o Código Cero, liderado por Simona Manfredini; desde Santander o Zona Norte, de María Sánchez; desde Alacante unha tripulación do Real Club de Regatas de Alacante, con Berta Campos á cabeza; e polo País Vasco está inscrito o equipo do Fhimasa (RCM Abra RSC), de Silvia Marce.
En liña de saída tamén veremos ao Dorsia Covirán Sailing Team, o equipo da Marina Burriananova que, tras asinar moi boas actuacións nas fases previas, vai primeiro na clasificación xeral e é o que máis papeletas ten para acabar vencedor e facerse cos loureiros da liga. A tripulación chega a Baiona encabezada pola olímpica Natalia Via-Dufresne.
O Final da Liga Nacional Feminina de Vela – Trofeo Isonor, foi presentado oficialmente este venres en Baiona nunha rolda de prensa na que o presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez, destacou o traballo feito desde hai anos en Baiona para impulsar á muller no mundo da vela e o que van seguir facendo, asegurou. “A presenza feminina no mundo da vela necesita e merece -dixo Álvarez- seguir abríndose camiño, e isto é algo que só se logrará se todos estamos comprometidos co deporte igualitario. Esta Liga Nacional é outro intento máis de darlle á muller o protagonismo que a historia lle debe”.
A directora comercial de Grupo Isonor, María Fraguas, revelou que a aposta da súa empresa por esta iniciativa, da que é patrocinadora, baséase na identificación da súa marca con todos os valores do deporte. “En Isonor estamos orgullosos -dixo- de impulsar aquelas actividades nas que cremos. Encántanos o deporte en xeral e a vela en particular, e para nós é un orgullo poder patrocinar unha das principais competicións deste deporte a nivel nacional, e poder facelo, ademais, no ano no que celebramos o 25 aniversario de Isonor”.
Acompañando a Álvarez e Fraguas, na presentación do evento tamén estiveron o Director Xeral do Grupo Isonor, Jorge González; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; a concelleira de deportes de Baiona, Andrea Pérez; e o vicepresidente e a responsable de eventos deportivos do MRCYB, Alejandro Retolaza e Margarita Cameselle.
Unha reunión de patroas e varias regatas de adestramento serviron, este venres, de preparación previa para unha frota que puido realizar unha primeira toma de contacto co club, cos seus rivais para bater, e tamén coas Rías Baixas, que lles ofreceron un día tipicamente outonal, con algo choiva, nubes e bastante vento, chegando a superar os 25 nós por momentos.
Unha meteoroloxía non moi diferente da que terán durante as probas do sábado e o domingo, para as que se esperan ventos de compoñente sur, sempre por encima dos 15 nós e con picos que poderían aproximarse aos 30, moita nebulosidade e momentos de choiva puntuais. Tras a celebración dos dous días de competición, o domingo pola tarde, ás seis, o Monte Real Club de Yates acollerá a entrega de premios ás gañadoras, un acto ao que asistirá, entre outras autoridades, a conselleira de Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana.
As tripulacións vencedoras recibirán, como galardón, unha obra pictórica creada especificamente para a ocasión pola artista Willy Ramos Castro. Titúlase “Colle aire, voa e triunfa”, está realizada con técnicas mixtas de acrílico, óleo e pigmentos naturais sobre madeira e simboliza a simbiose da muller co mar a través da vela.
A Final da Liga Feminina de Vela que se disputa estes días en Baiona está organizada polo Monte Real Club de Yates por delegación da Real Federación Española de Vela. As probas, que forman parte do Circuíto Iberdrola de Vela Feminina, celébranse grazas ao patrocinio do Grupo Isonor e a colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Baiona e a Real Federación Galega de Vela.