
O equipo AMF Motorsport chegaba á capital lucense coa obrigación de facerse coa vitoria e esperar un abandono do seu rival para manter vivas as esperanzas do título absoluto así como da Copa Top Ten Pirelli e o Supercampionato Galego R5.
Alberto Meira xunto a Avelino Martínez, que xa saía a este rallye co seu segundo título de campión galego de copilotos debaixo do brazo, realizaron unha proba sen erros na que se instalaron no liderado desde os primeiros compases. Ademais, o seu adversario polo título cedía algo máis de 50 segundos tras saírse recto nun cruzamento, o que lles daba tranquilidade, mantendo en todo momento baixo control tamén ao segundo clasificado. A diferenza foise incrementando ata máis aló do medio minuto excedido o ecuador da carreira, e pola tarde o piloto de Vincios dedicouse a administrar a vantaxe para facerse coa súa segunda vitoria absoluta da tempada.
Con todo, o gran resultado non foi suficiente para manter en pé a batalla polos títulos de fronte ao último, rallye, polo que Alberto Meira termina novamente como subcampión galego nesta tempada 2022.
A felicidade de Meira á súa chegada ao parque pechado era palpable: “Moi contentos de lograr a vitoria nun rallye tan difícil e tan longo como este, ademais de coeficiente 8. As pingas que caeron pola mañá fixeron que os tramos estivesen moi delicados pero fixémolo o mellor que soubemos. Quero felicitar a Avelino por reeditar o seu título no campionato galego de copilotos e felicitar ao meu rival Víctor Senra polo título absoluto. Agora debemos enfocarnos xa en 2023, que está ao virar a esquina”.
O próximo rallye, o Ribeira – Ría de Arousa, onde o equipo AMF Motorsport impúxose o pasado ano na súa primeira edición, será a cita que bote o pano a un apaixonante Campionato Galego de Rallyes, os próximos 12 e 13 de novembro.