O Vincios Gondomar regresa de baleiro

O Vincios Gondomar viaxou esta xornada a Sevilla para enfrontarse ao Híspalis TM. O equipo gondomarés desprazou ao xogador portugués André Silva e aos galegos Fernando Padín e Martín Pintos, para enfrontarse ao equipo local formado polo xaponés Aoto Asazu, o arxentino Santiago Lorenzo e ao andaluz Antonio Chaves.

O sorteo non favoreceu ao Vincios, pois o xogador xaponés Aoto escapou do enfrontamento con André Silva, gañando desta forma cada un os seus respectivos encontros, André fronte a Chaves (3-1) e Santiago (3-1), e Aoto fronte a Martín (3-0) e Fer Padín (3-2). Esta circunstancia deixou a resolución do encontro en mans das “segundas espadas”, que caeron ao lado sevillano ao impoñerse Santiago a Fer Padín e Chaves a Martín por idéntico resultado 3-1, o que se reflectiu no marcador nun 4-2 final a favor dos sevillanos.

Os resultados da fin de semana fan que se aperte a táboa clasificatoria no lado da permanencia, pois a falta de seis xornadas entre a sétima posición ocupada polo Vincios Gondomar con 14 puntos e o onceavo clasificado hai só 5 puntos de diferenza, quedando a doceava posición para o Leganés con só 2 puntos, practicamente descendido.

Anuncios