
O Concello de Gondomar, a través dun convenio asinado coa Federación Provincial de Comercio, Turismo e Mercados de Pontevedra, ofrecerá un servizo de asesoramento gratuíto en materia de consumo eléctrico, para calquera comercio ou empresa situada en Gondomar. A través deste convenio de colaboración asinado entre o alcalde Paco Ferreira e o Secretario Xeral da Federación, Enrique Núñez, os comerciantes de Gondomar dispoñerán dende o 17 de outubro e por un período de un mes, dun servizo de asesoramento en materia enerxética.
Deste xeito os comerciantes que o desexen poderán dirixirse á Federación Provincial, e especialistas na materia analizarán os seus contratos e facturas e lles facilitarán asesoramento, analizando as distintas opcións existentes no mercado, para facilitarlles a oferta que mellor se adapte ao seu negocio. Para beneficiarse deste servizo só deberán remitir as súas facturas por correo electrónico a: revisamifactura@comerciogallego.es para que os técnicos da Federación Provincial realicen un estudo individualizado dos consumos do establecemento, buscando erros na facturación e expoñendo a alternativa que poida ser máis vantaxosa.
No acto de sinatura deste convenio o alcalde Paco Ferreira destacou que “o Concello de Gondomar ten unha aposta clara polo comercio de proximidade, e poñeremos á súa disposición todas as ferramentas posibles para que poidan seguir a desenvolver a súa actividade nas mellores condicións”. “Somos conscientes de que actualmente o comercio está a atravesar un período de dificultade provocado pola crise enerxética e estamos seguros de que este servizo que poñemos agora en marcha, servirá de axuda en moitos casos para a redución do gasto en materia enerxética o que beneficiará á competitividade do comercio da nosa vila”.