A Deputación de Pontevedra inicia dúas actuacións moi esperadas na estrada de subida a Baíña

As obras de restauración do tramo do muro da estrada de subida á parroquia de Baíña, concretamente na Rúa Loureiral, que resultou danado como consecuencia dun accidente de tráfico hai anos, comezaron esta mañá baixo a supervisión da Concellería de Vías e Obras do Concello de Baiona. Veciños da baionesa Avenida Monterreal tamén padeceron os danos pois dúas grandes pedras procedentes da subida a Baíña, a trinta metros de altura do chan, se despeñaron cara a un dos garaxes, tras a colisión contra o muro do vehículo implicado no accidente.

Tamén se puxeron en marcha as obras de reparación da pasarela de madeira situada na EP-2201 Baiona-Baíña-As Fontes, na zona da estrada de subida á parroquia de Baíña próxima á urbanización Almirante Fontán, un total de 104 metros de lonxitude, que discorre de maneira íntegra polo municipio, onde leva sendo necesaria desde hai un tempo a reparación da pasarela peonil existente mediante o desmonte e substitución das vigas de madeira existentes, desmonte e substitución da tarima de madeira e reparación da estrutura metálica. En concreto, as obras de mellora consisten na reparación dos elementos danados da estrutura de madeira laminada portante da pasarela, e no reforzo dos seus pontóns, achegando novo material nos puntos onde é necesario.

Dada a situación de atraso nos traballos de arranxo dos danos, e dada a funcionalidade e características da estrada, o Alcalde de Baiona e Deputado Provincial, Jesús Vázquez Almuiña, púxose en contacto coa administración provincial para incidir na reparación do muro e da pasarela de madeira que levaban un importante tempo pendentes. O persoal técnico do Servizo de Estradas da Deputación deu resposta á devandita solicitude poñendo en marcha unha actuación urxente de conservación que contemplará a construción do muro de cachotería, o valo e o reforzo do firme existente co obxectivo de prolongar a vida útil do tramo afectado. Así como tamén, a posta en marcha da reparación igualmente urxente, dado que é unha infraestrutura moi utilizada polos veciños de Baíña que se desprazan a pé ao núcleo da Villa, da pasarela de madeira peonil.

Cos traballos iniciados esta mañá ponse fin a uns danos nunha estrada moi utilizada polos veciños do lugar e que levaban tempo esperando ditas reparacións.