A gañadora do Goya Chelo Loureiro presentará “Valentina” no Festival de Cine Inclusivo

A película “Valentina”, gañadora o ano pasado do Goya á mellor longametraxe de animación, vai ser proxectada a próxima semana dentro da programación do Festival de Cine Inclusivo de Vigo. O filme, dirixido pola galega Chelo Loureiro, proxectarase o martes 18 nun pase para escolas e o xoves 20 aberto a tódalas persoas que o desexen. Chelo Loureiro participará o martes no Auditorio do Concello na sesión Coñece! do festival. A directora conversará co alumnado de primaria das motivacións que lle levaron a facer este filme que narra a historia de Valentina, unha nena con síndrome de Down que soña con ser trapecista. A directora Chelo Loureiro, especializada en cine de animación, fundou Abano Producións no 2007 e conseguiu dous premios Goya. O primeiro en 2007 á mellor curta de animación por “Decorado” e o segundo o ano pasado con “Valentina”. Agora atópase inmersa nun novo prexecto: “Unicorn Wars”, que vén de recibir moi boas críticas no festival de Sitges e estréase en cines o 21 deste mes. Loureiro destaca tamén por ser unha gran defensora dos dereitos das mulleres no audiovisual.

O xoves 20 ás 17h no Auditorio do Concello proxectarase novamente “Valentina” nun pase gratuíto aberto a todo o público. Co afán de achegar o cine ao maior número de persoas, este ano o festival fará, en colaboración con VenTEA, que esta sesión estea adaptada para persoas con autismo. VenTEA é o proxecto de Irene Morán García, fotógrafa e experta en TEA que a través deste proxecto quere axudar a que persoas con autismo poidan gozar de actividades de lecer como ir ao cine, ao museo, a un restaurante ou un parque.

“Valentina” non será a única actividade do festival dirixida ao público familiar. Por segundo ano consecutivo, o evento cinematográfico acolle unha sesión de cine para a cativada. Terá lugar o sábado 22 no Museo MARCO a partir das 12 do mediodía. Os pequenos poderán visionar sete curtametraxes de animación coas que se pretende tamén transmitir valores positivos como o traballo en equipo, a tolerancia, a conciencia medioambiental ou non discriminación.

Programación infantil:

– Valentina (2021) de Chelo Loureiro. 65 min (Xoves 20 ás 17:00 no Auditorio Municipal do Concello)

Valentina soña con ser trapecista, pero cre que nunca poderá conseguilo por ter síndrome de Down. A súa Avoa anímaa sempre a perseverar: se as orugas conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible. Valentina non está moi convencida, pensa que un verme é demasiado noxento para converterse en bolboreta… Como será esa metamorfose da que fala a Avoa? Cando se dispón a preguntarllo, Papá e Mamá danlle unha desconcertante noticia: a Avoa marchou de viaxe.

SESIÓN DE CURTAMETRAXES DE ANIMACIÓN INFANTIL (Sábado 22 ás 12:00 no Museo MARCO)

– Operación Frankestein (2022) de José María Fernández de Vega. 11 min

Tres irmáns deciden crear o seu propio monstro de frankenstein, a partir do achado no lixo dun anaco dun maniquí. Pero, como darlle vida á túa propia creación cando só contas con sete anos e a axuda dos teus dous irmáns maiores? O destino do monstro terá un final… sorprendente!

– La primavera siempre vuelve (2021) de Alicia Núñez. 10 min

É primavera e a avoa Margara aprende aos seus catro netos a plantar en pequenas macetas. Tres deles deciden abandonar voando a corrala familiar e saír a descubrir mundo. Pasan os anos, a avoa envellece, e os que se foron están presentes á súa maneira… pero nunca como os que quedaron.

– Life & butterflies (2021) de Pablo Reigada. 5 min

Un neno xoga coa súa pelota ata que unha bolboreta capta a súa atención. A partir de aí aprenderá que o tempo voa e que non hai forma de paralo. El mesmo non pode parar de medrar mentres segue á bolboreta.

– Skydome (2022) de Ana Juesas y Adolfo Aliaga. 4 min

Nun futuro distópico, Amunet vive nunha urbanización na que os robots educan ás nenas para ser boas mulleres. Inspirada polo traballo da súa nai, Amunet buscará o modo de cambiar as cousas e recuperar a súa liberdade.

– Bulit escucha la naturaleza (2021) de Mikel Urmeneta y Juanjo Elordi. 9 min

Bulit, un mozo de 8 anos con Trastorno do Espectro do Autismo, descobre que a natureza pode comunicarse con el. Tres margaridas pídenlle axuda: chega un ciclón que arrasará o bosque e o pobo. Ninguén presta atención a Bulit, excepto os seus amigos, Karmelia e Witib.

– Loop (2020) de Pablo Polledri. 8 min

Nesta sociedade, cada humano repite unha mesma acción unha e outra vez. Nesta sociedade, cada humano repite unha mesma acción unha e outra vez. Nesta sociedade, cada humano repite unha mesma acción unha e outra vez.

– El Paraguas (2022) de Christopher Sánchez Martín. 14 min

Alberto ten un paraugas e non pode separarse del.