150 persoas participaron na primeira proba de “Orienta Aventura” de Nigrán

Un total de 150 persoas divididas en dúas categorías participou onte nesta primeira competición organizada desde o Concello de Nigrán coa colaboración da Comunidade de Montes de Parada

O Concello de Nigrán, coa colaboración da Comunidade de Montes de Parada, celebrou este domingo con gran éxito a súa primeira proba de “Orienta Aventura” na contorna de Monte Castelo. Un total de 150 persoas divididas por equipos de 2 a 5 integrantes en dúas categorías (“Explorers” só para maiores de 12 anos e “Pequenos castores” para grupos con algún menor de 12) percorreu durante dúas horas e media o monte na procura de puntos escondidos en balizas coa única axuda dun mapa.

A competición, deseñada pola empresa especializada Territorio Comanche, incluíu diversas probas de coñecemento ou de habilidades ou mesmo a recollida de plásticos, todo puntuable e non obrigatorio ao expoñer cada equipo a súa propia estratexia para optimizar puntos no tempo máximo outorgado. Ante a avalancha de solicitudes e ao estar restrinxida a 150 persoas, o Concello organizará outras dúas máis para dar cabida ás 300 primeiras que quedaran na lista de agarda.

“O resultado foi marabilloso porque estaba dirixida a todo tipo de público, había moitas familias e un ambiente moi amigable, así que repetiremos e en máis parroquias. Con esta proba innovadora cumprimos o obxectivo de poñer en valor a zona dun xeito seguro, saudable e participativo”, incide o alcalde, Juan González.

Os tres primeiros clasificados resultaron “Os Incribles”, “Los Superhéroes” e “Los Fantásticos” en categoría Pequenos Castores e “Morcegos”, “Polo Cheiro” e “Deportivo de Tapitas” en Explorers.