O Bloque Nacionalista en Baiona aposta polos servizos municipais

O Bloque Nacionalista Galego en Baiona considera a xestión pública directa da administración e dos servizos públicos como a fórmula que mellor garante o funcionamento de calidade e interese público da veciñanza. “A problemática da xestión municipal dos servizos públicos non son as traballadoras e os traballadores, son as Leis do Estado que implantou o Partido Popular no goberno de M. Rajoy, nomeadamente a chamada Lei Montoro, que impide e/ou limita a contratación de emprego público destinado á creación, reforzo e ampliación de servizos públicos locais”.

“Esta lexislación obriga ao noso Concello a un elevado gasto municipal para contratar empresas privadas que dean o servizo público. Estes concursos e licitacións teñen que ser por servizos determinados e puntuais o que encarece o seu custe. Ademais do tempo de traballo que supón ás traballadoras e traballadores do Concello para preparar os pregos de condicións, contratacións, etc… O BNG de Baiona aposta e considera como solución para mellorar os servizos públicos municipais a derrogación das Leis estatais que impiden a contratación de persoal para poder dar un servizo público municipal e de calidade”, apuntan os nacionalistas.

Xa que logo, solicitan ao actual goberno do Estado que de xeito urxente derrogue a “Lei Montoro” porque “non favorece os intereses das baionesas e baioneses”.