O Pleno de Gondomar aproba por unanimidade iniciar as xestións do paseo fluvial polo Miñor

O Pleno de Gondomar aprobou o xoves por unanimidade as dúas mocións de Manifesto Miñor sobre o paseo fluvial e sobre a solución do conflito do GES. A primeira solicitaba o inicio de todas cantas xestións sexan necesarias perante as Administracións Públicas con competencias no asunto: Costas, Augas de Galicia e Xunta de Galicia, etc, así como no seo da Mancomunidade do Val de Miñor por ser un proxecto supramunicipal, co obxecto de recuperar este espazo de extraordinarios valores naturais e devolverlle a saúde para uso e gozo da veciñanza en xeral.

“Entendemos que a mellor maneira de facelo sería a través dunha intervención branda e respectuosa cun espazo tan sensible e no límite do soportable, habilitando un paseo ou sendeiro fluvial por unha das beiras do río, como mínimo, dende a Vila de Gondomar até a Ponte da Ramallosa que o conecte cos paseos da costa que van de Baiona até Panxón. Para levar a cabo a devandita intervención consideramos que o mellor xeito de acometer os traballos sería a través dunha Escola Obradoiro polo que ten de implicación e sensibilización directa na poboación da comarca dende o momento mesmo dos traballos preliminares. Sen dúbida outro efecto beneficioso derivado dunha intervención deste tipo, a maiores dos xa expostos, sería a corrección ou diminución dos efectos negativos das enchentes do inverno”, sinala Antonio Araújo.

A moción sobre a problemática do GES demanda do Goberno e da Presidencia de quenda da Mancomunidade de Concellos do Val de Miñor a actuación urxente exercendo as súas responsabilidades políticas sobre este servizo co obxecto de organizalo e velar polo correcto funcionamento do mesmo: cuadrantes anuais, quendas, reforzos, implantación dunha metodoloxía de traballo, etc; e coa responsabilidade de actuar de interlocutor coa Mancomunidade ou mediar entre as partes nos conflitos existentes, etc, etc. Outra opción sería que de non querer xestionar o GES por incapacidade, etc, se solicite a integración no Consorcio contra incendios provincial.

Tamén demanda do Goberno e da Presidencia de quenda da Mancomunidade de Concellos do Val de Miñor o cumprimento do convenio aprobado no seu día e aceptado polas partes, e asemade proceder con urxencia a convocar unha bolsa de traballo para o GES que permita a contratación inmediata de efectivos para cubrir baixas laborais, vacacións ou necesidades do servizo. E finalmente proceder á elaboración dun regulamento de réxime interno que defina con claridade as funcións do persoal do GES respectando a categoría profesional pola que están contratados. Dito regulamento será consensuado con todos os traballadores e tendo en conta as achegas que consideren oportuno facer.

“Con todo, para Manifesto Miñor o traballo de verdade comeza agora para facer que o aprobado se leve a cabo e non termine esquecido nun caixón da Alcaldía”, conclúe Araújo.