Os mellores patinadores de Galicia necesitan axuda

Joel Ribeiro (esquerda) e os seus compañeiros no posto das festas de Donas.

O Club de Patinaxe Artística Gondomar leva cultivando éxitos practicamente desde a súa creación en 2013, aínda que esta tempada é sen dúbida a máis exitosa de todas e o seu “Last Kaneri” levoulle a estar no máis alto das competicións de maior importancia xa non só de España senón tamén de Europa, dentro da categoría “Grupos Show Pequenos”. Cunha posta en escena que lembra a tribos ancestrais, os seus nove integrantes de idades comprendidas entre os 14 e 29 anos de idade dano todo sobre a pista cun nivel de perfección que impresiona coordinados polo seu adestrador e presidente da entidade, David Figueroa, e preparados fisicamente por María Nombela.

Tras clasificarse para o mundial, que se celebrará na cidade Arxentina de Bos Aires en novembro, o tempo aperta e buscan novas fórmulas para recadar fondos. Fai tres meses lanzaron unha campaña de crowdfunding que lles valeu para reunir pouco máis de 500 euros dos 10.000 que se marcaron como meta e durante todo este tempo tamén venderon rifas, crearon artigos de merchandising dispoñibles desde a súa sede no pavillón de Donas ou a través de Instagram, mesmo montaron un posto de venda de bocadillos nas festas de Donas grazas á colaboración da asociación do Torreiro, que lles cedeu a cociña e renunciaron a vender comida para permitirlles maximizar ganancias. Todo para cumprir novamente o seu soño e levar o nome de Gondomar á proba máis importante do mundo tras quedar subcampións de España. O Concello, ademais de colaborar con 5.000 euros anuais, está a piques de asinar un acordo co club para que xestionen e fagan o papel de monitores na pista de xeo de 200 metros cadrados prevista para este Nadal. Estará do 3 de decembro ao 9 de xaneiro no Centro de Desenvolvemento Local e aínda que non se sabe se a súa entrada estará aberta a todos, o alcalde Paco Ferreira adiantou en redes sociais que se organizarán xornadas de asistencia para centros escolares e entidades sen ánimo de lucro da localidade.

O club está composto por 93 patinadores e patinadoras e parten dos catro anos de idade.

Hai que ter en conta que o equipo non só conta con grupos de patinadores, o club está composto por 93 deportistas que parten dos catro anos de idade en diante distribuídos a grandes liñas en cinco categorías, algunhas delas con subgrupos tanto por equipos como na modalidade libre, individual. Este é o caso de Joel Ribeiro, un fóra de serie de 14 anos de idade que comezou a despuntar en 2017. Desde aquel entón foi subcampión de España alevín dous anos seguidos (2017, 2018) e un en infantil (2019), segundo da Copa de Europa (2018, 2019) campión da Copa de Europa cadete (2021), este ano terceiro clasificado na semifinal da World Cup (Portugal) e subcampión da final. Xunto a Noa Álvarez tamén se clasificaron para a Copa de Europa (Italia).

Manter este ritmo de competicións onde os gastos recaen sobre as familias estallo poñendo realmente difícil aos patinadores e patinadoras. Só en Grupo Show o orzamento desta tempada para poder chegar ás probas nacionais e internacionais máis importantes ascende a máis de 35.000 euros. Todo aquel que queira colaborar coa entidade pode facelo a través de gofundme.com, accedendo a través do seu perfil de Facebook, ou doazóns á conta bancaria ES09 0081 0388 0100 0205 0315.

Javier, Denís, Alba, Iria, Andrea, Nerea, Noa, Xiana e Nadia son “Last Kaneri”.

Cada coreografía, unha historia diferente

“Last Kaneri” é a coreografía que nos traslada a un ambiente tribal, deseñada para a presente tempada e coa que o CPA Gondomar compite en “Grupos Show Pequenos”, pero non foi a única. A entidade leva anos deseñando un espectáculo por ano fóra de 2020 e 2021 onde a pandemia lles obrigou a facer unha paréntese. “Alma Torera” (2017) abriulles as portas ao panorama internacional co seu debut no World Roler Game de Nanjing. No 18 “Expediente Alice” conseguiu un bronce no nacional e o pase ao mundial. Xa no 19, con “Saint Mary”, marcaron o punto de inflexión coa interpretación da historia sobre rodas inspirada no hospital psiquiátrico que deu nome ao seu espectáculo, este ano quedaron subcampións do mundo e de Europa.