Fulano, Mengano e Citano presentan en Nigrán a obra “O que hai que ver!”

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 8 de outubro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a obra “O que hai que ver!” da compañía de teatro Fulano, Mengano e Citano. A actuación encádrase no programa cultural da Deputación de Pontevedra “Tornar ás Táboas”. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

Reflectir a realidade e facelo con humor son os principios que guiaron a Fulano, Mengano e Citano durante a súa longa traxectoria sobre os escenarios de todo o panorama galego. Nas súas representacións, o espectador pasa unha velada en grao sumo agradable, con risas sostidas e contaxiosas, onde se mestura a reflexión e a crítica construtiva sobre as realidades actuais mesturado nun sinxelo traballo de escenificación, no que a sátira únese ao humor intelixente. “O que hai que ver!” é unha das súas obras fetiches e está protagonizada por Marcos Alonso, Suso Pando e Manuel Pombal.

Sinopse

“O que hai que ver!” é unha combinación dalgúns dos mellores sketchs da historia de Fulano, Mengano e Citano. A maiores aparecen outros, de nova creación, aos que se lle engaden unha serie de cancións orixinais cargadas de ironía. Un show que no seu conxunto forma un “todo” variado, dinámico e sorprendente, seguindo a liña de humor que caracteriza á compañía. Un espectáculo que conta, en clave satírica, unha serie de historias próximas, actuais e sorprendentes, nas que o humor fúndese co teatro para crear un cóctel explosivo destinado a lograr que os espectadores gocen coa risa.