“A vida de Velo ía perderse nos labirintos do exilio”

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Moisés Quintas e Aser Álvarez antes de dar comezo “Love Velo” no multiusos de Sabarís.

O guionista, director e xornalista, Aser Álvarez, presentou na tarde do sábado un proxecto homenaxe ao político antifranquista Xosé Velo (Celanova 1916-1972) para conmemorar o 50 aniversario do seu falecemento e que á súa vez serviu como pistoletazo de saída do Mes da Memoria, posto en marcha pola concellería de Cultura de Baiona.

“Love Velo” nace dunha relación que podería catalogarse de amor, do froito de 10 anos de intenso traballo de investigación e recompilación documental, do exame minucioso de antigas gravacións, escritos e viaxes a Brasil e Portugal e que agora o autor mostra no documental “Xose Velo 50 anos despois” como sínteses do presentado hai poucos meses “Xosé Velo Liberador Ibérico”, de 30 minutos de duración e que o 9 de outubro presentarase en Caracas. Cun enfoque didáctico e divulgativo, a súa idea é dar a coñecer a vida do activista que pasou aos anais da historia por participar no secuestro de cruceiro “Santa María” 1961 como un xesto desafiante ás ditaduras española e portuguesa de Franco e Salazar, que serviu a JFK como tema no seu primeiro discurso como presidente dos EEUU. “Esta historia, como moitas outras, estaba condenada a desaparecer nos labirintos do exilio. Aínda que era un animal político, non era un animal de rabaño e ninguén o reivindicou”, explica Álvarez.

Ademais da proxección da curta, durante a xornada tamén se presentou o libro “Xosé Velo. Textos escollidos”, que escribiu xunto a Lois Codias e outras colaboracións, e un recital poético musicalizado por Moisés Quintas para mostrar a súa rama poética. A pegada de Velo seguirá presente no multiusos durante todo o mes de outubro a través dunha exposición composta por paneis cun corpóreo de Siro López.

Para o autor, este proxecto vai moito máis dunha mera biografía, porque sen querelo, cando Velo cruzouse na súa vida, ao momento quedou fascinado da súa personalidade e enteireza, de como lle comunicou por carta ao seu amigo e compañeiro de mocidades galeguistas Celso Emilio Ferreiro que sufría un cancro de pulmón que pouco despois acabaría coa súa vida en 1972. “Non había frustración nin amargura, estaba a aceptar o que lle ía a pasar a pesar de que tiña tres fillos e que levaba unha vida escapando. Aquí quedeime fascinado da súa figura porque unha persoa que sabe morrer desta maneira demostra que é un ser extraordinario”, relata. A partir de aquí comezou a súa aventura dunha década de duración e que agora culminará coa edición dunha unidade didáctica e un videoensaio que se presentará a final de ano. Titulado do mesmo xeito que o proxecto presentado en Sabarís, “Love Velo” relatará en primeira persoa todo o traballo de recompilación realizado, a viaxe a Brasil e a recuperación dos seus documentos que agora descansan no arquivo da Deputación.