
O Partido Popular de Nigrán propón ao Concello a elaboración dun concurso de ideas e proxectos para a mellora da ordenación do litoral, co obxectivo de que se propoñan solucións innovadoras aos problemas existentes. Desde os anos 90, nos que se levou adiante as urbanizacións e paseos marítimos da Foz, Praia América-Lourido, Panxón e Patos, algunhas seguen igual que o primeiro día, cos mesmos problemas e servizos, aínda que é certo que se realizaron diversas melloras nesas zonas, non houbo unha mellora significativa nas mesmas.
“O Goberno Local ten responsabilidade directa para expor o adecuado ordenamento urbanístico e dos servizos indicados no seu territorio, por tanto, para levar adiante proxectos de ordenación do mesmo que no caso de Nigrán inclúe o litoral do municipio. Algúns dos problemas existentes son as verteduras incontroladas e malos cheiros na Foz do Miñor, o estado dos baños públicos en todo o litoral, o problema das bicis no Paseo de Praia América e Panxón, a contaminación de fecais na desembocadura do río Muíños, ou a descontrolada xestión das autocaravanas, entre outros moitos”, sinalan os populares.
Por este motivo, o Partido Popular de Nigrán propón un concurso de ideas e proxectos para a mellora da ordenación do litoral no que se presenten solucións orixinais e innovadoras aos problemas existentes. Ademais, se todo o proceso é transparente, e con participación dos representantes dos colectivos representativos como dos grupos políticos e técnicos na materia, a posibilidade de obter propostas que conten con maior apoio é moito mellor que impoñer propostas sen consenso.