A Garda Civil sorprende a un cazador furtivo de aves silvestres en Portonovo

A Garda Civil identificou a un cazador furtivo que foi sorprendido mentres pretendía capturar cunha rede xilgueiros, unha especie protexida de aves frinxílidas. Os feitos ocorreron nunha leira situada nas proximidades da localidade de Portonovo, pertencente o municipio de Sanxenxo, onde o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) tiña establecido un punto de vixilancia tras ter noticia de que unha persoa estaba a dedicarse á caza furtiva de aves silvestres.

As pescudas realizadas pola Patrulla do Seprona de Vilagarcía concluíron a pasada fin de semana cando localizan a esta persoa, un veciño de Marín, que foi sorprendido cando manipulaba unha rede das denominadas de libro, ancorada ao terreo e provista dun cordel estirado polo chan que utilizaba para o abatemento e a captura das aves. Próxima á rede tiña dúas gaiolas con senllos xilgueiros, que exercían as funcións de reclamo para atraer máis aves.

O dispositivo culminou coa identificación desta persoa que sen ningún tipo de autorización para o exercicio da caza, supostamente estábase dedicando á captura ilegal deste tipo de aves silvestres. Foi denunciado por infrinxir a normativa autonómica que regula o exercicio da caza en Galicia (Lei 13/2013) e contravir as normas que se estipulan na Lei 5/2019, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

O Seprona incautouse tamén da rede e as gaiolas que estaba a utilizar e procedeu á posta en liberdade dos dous exemplares de xilgueiros no seu hábitat natural.