Charla-obradoiro sobre educación canina en Baiona

O Concello de Baiona ofrece este sábado 1 de outubro de forma gratuíta unha charla-obradoiro de educación canina, entre as 11:00 e as 14:00 horas no Campo de fútbol da Ladeira. A programación inclúe unha charla-obradoiro sobre educación canina, veterinaria e sobre a protectora de animais “Os Biosbardos”. A xornada finalizará con sorteos entre as persoas asistentes e cunha exhibición canina.

O obxectivo desta iniciativa é a concienciación na tenencia responsable, fomentando a idea de que o can é un membro máis da familia. Todo iso a través dunha actividade ao aire libre para ensinar os aspectos básicos da educación canina. Desta forma, preténdese previr problemas de comportamento, dar pautas aos asistentes sobre educación canina, veterinaria e dar a coñecer a protectora Os Biosbardos. Todo iso co fin de facilitar a convivencia do animal na súa familia e en sociedade.

Dentro da programación tamén se contempla unha parte práctica para a cal é necesaria a inscrición previa a través do 6341506018. A todas aquelas persoas inscritas na parte práctica faráselles entrega dun pack de produtos de can e tamén entrarán nos sorteos dun lote de produtos de can. Baixo o lema “Un animal tranquilo e ben educado será mellor acollido en Sociedade” Lara Martínez Martínez impartirá este interesante obradoiro no que desvelará os segredos para unha boa educación e convivencia cos nosos amigos de catro patas.