As tradicionais “poxas” de San Miguel recadan preto de 3.000 € en Peitieiros

As festas de San Miguel comezaron este xoves pola mañá na Vila Condal, ás dez e media, facendo entrada a Banda de Música Cultural de Arcade. De seguido subiu para o barrio de Piñeiro, onde ás once horas sairía o tractor cos animais e produtos de campo doados polos veciños da parroquia de Peitieiros, en compañía da mencionada banda e os compoñentes das comisións de festas 2021/22 e 22/23, ata o recinto de festas. Ás doce e media do mediodía deu comezo a misa solemne e seguidamente a procesión co tractor e as imaxes da Virxe do Rosario, a Virxe dos Milagres e o patrón San Miguel, acompañada tamén pola banda de música. Ao finalizar celebrouse unha poxa de roscas doadas por panaderías de Gondomar para rematar co concerto da banda de música.

Pola tarde, ás 18:00 horas, Carlos Riveiro, coñecido por Carlos de Gondomar, encargouse de facer as poxas un ano máis nesta parroquia, con produtos de campo doados polos veciños. Os asistentes puideron adquirir plantas por entre 10 e 50 euros, patacas por entre 20 e 40 euros, caixas variadas de produtos de campo por entre 15 e 30 euros, galos por entre 25 e 65 euros, patos por 50 euros e coellos por entre 30 e 50 euros. Destacou unha parella de canarios por 110 euros e un porco, que foi poxado en 150 euros, facendo unha recadación de preto de 3.000 euros para a nova comisión de festas que está a traballar este ano a cantina e o próximo ano programar os festexos. A nova comisión de festas entrará o próximo mes para traballar a cantina durante un ano para recadar diñeiro para o seguinte.

Despois das poxas comezou a verbena coa Banda de Música Cultural de Arcade, que amenizou aos asistentes durante unha hora, e a continuación a orquestra París de Noia, ata a unha da madrugada para pechar os actos un disyokey. O venres 30 a orquestra Miramar e o grupo La Banda de Ayer amenizarán a verbena. O sábado 1 de outubro a charanga Va K Pinta percorrerá os barrios da parroquia e ás 21:00 horas celebrarase a Cea de San Miguel, coa actuación das charangas OT e Va K Pinta, cos tickets esgotados para os comensais.