Nigrán abre o prazo de inscrición para unha excursión de maiores ao Museo de Pontevedra e Pontecaldelas

O Concello de Nigrán continúa co seu programa de turismo social destinado á veciñanza da terceira idade cunha excursión para maiores o mércores 5 de outubro á exposición temporal “Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional galega” (Museo de Pontevedra) e posterior visita e xantar en Pontecaldelas coincidindo coa feira deste municipio pontevedrés, todo cun custo de 21 €. A inscrición poderá efectuarse este venres 30 de setembro de 9:00 a 13:00 horas na Oficina de Turismo de Gaifar (Panxón). O Concello disporá de dous autobuses e as prazas se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición, sendo imprescindible ser xubilado/a empadroado en Nigrán e reservándose como máximo 2 prazas por solicitante.

O primeiro autobús partirá ás 9:00 horas da Oficina de Turismo de Panxón e o segundo ás 9:30 tamén desde o mesmo punto. Os asistentes realizarán unha visita guiada de 30 minutos á exposición temporal “Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional galega” (Museo de Pontevedra), unha mostra que mestura as espectaculares imaxes da fotógrafa americana en Galicia a principios de século XX coa recreación da vestimenta dos protagonistas das imaxes, destacando entre elas unha muller labrega de Camos. A continuación, se desprazarán en autobuses a Pontecaldelas para desfrutar da súa tradicional feira e realizar un paseo pola ribeira do río Verdugo. Neste mesmo municipio será o xantar no Asador A Fracha (A Reigosa) a base de tortilla, empanada, croquetas e churrasco de porco (inclúe bebidas, café e sobremesa).

O Goberno local de Nigrán entende que viaxar non só serve para descubrir lugares novos, senón que aporta moitísimos beneficios especialmente útiles para as persoas maiores, como a mellora do ánimo, aumento da creatividade, mellora da capacidade de resolver problemas, estimulación da actividade cerebral e reconstituínte da memoria e da atención.