
Unha estufa que quedou aberta foi a causa pola cal un varón de avanzada idade tivo que ser trasladado polos servizos sanitarios ao hospital de referencia. Os feitos ocorreron na súa vivenda, no lugar de Carrasquedo de Abaixo, en Vilaza, Gondomar.
Dez minutos despois das once e media desta mañá, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 contactaba co 112 Galicia para solicitar a colaboración das forzas de orde para o domicilio. Unha ambulancia desprazábase ao punto para evacuar a un home con síntomas de intoxicación.
Con estes datos, desde o 112 Galicia informouse á Garda Civil, á Policía Local, aos Bombeiros de Porriño e aos membros do GES de Val Miñor. Unha vez no lugar, os axentes da Policía Local pecharon a estufa e confirmaron o traslado do paciente polo persoal sanitario.