Os coches de competición chegan a Vigo

A cidade de Vigo dará a benvida este xoves aos participantes do 55º Rallye Recalvi Rías Baixas nunha cerimonia de saída que se celebrará na rúa Policarpo Sanz ás 20:30 horas.

Unha hora antes, todos os vehículos de competición terán que ocupar o seu correspondente lugar no preparque de saída que a organización situará entre as inmediacións do Teatro Afundación e a Rúa Colón. No “cruzamento dos bancos” estará montado o podio polo que irán pasando, un a un, os equipos inscritos neste “Rías” para recibir o agarimo de público e autoridades. Desde alí abandonarán a cidade, seguindo o sentido da circulación, para dirixirse ao seu correspondente lugar de pernoita.

A celebración desta cerimonia inclúese no regulamento da Copa de España de Rallyes de Asfalto CERA Recalvi, e ten por obxectivo achegar á cidadanía a espectacularidade dos coches de carreiras. Ademais, os afeccionados poderán compartir uns minutos cos equipos inscritos, xa que a partir das 19:00 horas, haberá unha firma de autógrafos con pilotos e copilotos.

En Samil, as verificacións

As inmediacións da praia de Samil vivirán o vórtice propio dun rallye destas características desde primeira hora da mañá deste xoves. A partir das 9:00, abrirase o parque de asistencia para os equipos inscritos; zonas de traballo que ocuparán os catro aparcamentos máis próximos ao areal vigués. E tamén será alí onde os vehículos pasen as pertinentes verificacións técnicas e se leve a cabo o precintaxe dos elementos mecánicos.

Os últimos recoñecementos

Este xoves tamén será xornada de recoñecemento dos tramos para os equipos que así o decidiron. Así que, polas cinco especiais que compoñen o percorrido do 55º Rallye Recalvi Rías Baixas pasarán algúns dos participantes en coches de rúa, tomando boa nota do trazado.