O “Música e Viño no teu Camiño” arranca esta fin de semana na Guarda, Nigrán e Baiona

Pistoletazo de saída a un mes de concertos coa segunda edición do proxecto “Música e Viño no teu Camiño”, unha iniciativa posta en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño ao abeiro do programa “O Teu Xacobeo” impulsado pola Xunta de Galicia para xerar espazos de encontro e lecer entre a veciñanza, visitantes e peregrinas e peregrinos que estean a facer o Camiño de Santiago nesta época do ano.

O ciclo de concertos comeza esta mesma fin de semana con dúas paradas no territorio. O sábado 1 de outubro a música de San Rockers encherá a Praza Avelino Vicente da Guarda nunha sesión vermú que comezará ás 13.00 horas. Xa pola tarde, as pistas de tenis de Panxón, en Nigrán, serán o escenario elixido para que o público desfrute co estilo funk, soul e disco de Groovin Folks ás 19.00 horas. Xa o domingo 2 será a quenda de Two in the mirror, que levarán a súa música aos Xardíns da Casa da Navegación ás 13.00 horas.

Todas as actuacións son de balde e nelas poderase desfrutar dos viños D.O. Rías Baixas e da gastronomía local nos establecementos hostaleiros da zona.
Con esta iniciativa EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño organizan unha serie de concertos por todo o territorio nos que o público poderá desfrutar da maridaxe de música, viño e gastronomía ao tempo que se potencia a hostalaría e o comercio local. Dende EuRural e o Xeodestino anímase a toda a veciñanza dos concellos do noso territorio e da contorna a achegarse ata A Guarda, Nigrán e Baiona esta fin de semana, así como aos distintos escenarios e desfrutar de mañás e tardes con sabor a música e viño.