O PP de Baiona considera que a nova repartición de áreas prexudica á Concellería de Urbanismo

O PP de Baiona está convencido de que o departamento de Urbanismo do Concello de Baiona acentuará o seu declive coa última repartición de áreas realizada polo alcalde e formalizado no último pleno do mes de setembro tras a dimisión do concelleiro Víctor Manuel Muñoz. “Se xa esta concellería estaba deteriorada pola xestión do tripartito ao longo destes tres anos de lexislatura, agora queda patente que para o PSdeG, BNG e Nós trátase dun departamento menor ao asignarllo ao primeiro tenente de alcalde, que tamén é edil de Vías e Obras, Seguridade Cidadá e Iluminación Pública”, apuntan.

Para os populares, non se trata de acumular concellerías senón de xestionalas e de dedicarse a elas para propoñer melloras e solucionar os problemas que poidan ir xurdindo no día a día co fin de dar un servizo eficaz aos cidadáns. O que resulta incomprensible para os veciños, e así llo trasladan aos concelleiros do grupo municipal do PP, que xa advertiu desta situación, “é que despois de que o departamento de Urbanismo permanecese pechado durante varias semanas no verán ao non ser capaz o goberno local de cubrir as baixas e os traslados de persoal pola falta de previsión do tripartito, algo inaudito na historia do Concello de Baiona, aínda continúan sen tomarse en serio a este departamento e aos seus traballadores”.

Con todo, esta perda continuada da calidade do servizo, que funciona de forma lenta e practicamente sen atención presencial, non se compensa aos veciños de ningunha maneira, nin sequera cunha redución nas taxas a pesar de que son trámites obrigados pola normativa da administración local.