Gondomar contará cunha pista de xeo natural este Nadal

O Concello de Gondomar, desde o 3 de decembro ata o 9 de xaneiro, contará cunha pista de xeo natural cuberta de 200 m2, que será instalada no CDL. Con esta iniciativa o Concello quere potenciar o comercio e a actividade deportiva, podendo desfrutar dela todos os colexios do municipio e asociacións sen ánimo de lucro que o soliciten. A pista de patinaxe contará cuns monitores/as de luxo, os membros do CPA Gondomar, cos que se asinará un convenio de colaboración para que poidan costear a viaxe ao Campionato do Mundo que se celebrará en Arxentina. “Xa non hai motivo para non acudir a Gondomar este Nadal, ademais da ampla programación cultural e lúdica, sumamos esta pista de xeo, que fará feliz a toda a cidadanía sen ter en conta a súa idade”, comentou o alcalde, Paco Ferreira.