Nigrán amplía a flota municipal cun novo vehículo eléctrico para o departamento de Medio Ambiente

O Concello de Nigrán vén de adquirir a través do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia unha furgoneta eléctrica de 7 prazas Nissan e-NV200 Evalia para o departamento de Medio Ambiente. O vehículo, cunha autonomía de 280 qm, foi adquirido mediante procedemento público aberto ao concesionario Rofervigo, sendo o segundo eléctrico do Concello (o primeiro, de característica moi similares, foi comprado no ano 2018 para o departamento de Vías e Obras).

“Desde o Concello apostamos por medios de transporte non contaminantes e, consecuentemente, predicamos co exemplo. Compre recordar que somos o municipio de España con máis electroliñeiras e mesmo bonificamos o imposto de rodaxe aos vehículos eléctricos, híbridos ou a gas, todo elo como incentivo”, explica o alcalde, Juan González, quen incide no aforro económico que supón para as arcas municipais prescindir do combustible e no conveniente que resulta dispor dun punto de carga gratuíto e municipal ao carón da Casa do Concello. Con esta recente adquisición o Concello contribúe a rebaixar a vida útil media dos seus vehículos, que nos últimos anos pasou de 20 a 10. “Ter unha flota menos envellecida repercute en menos custes de mantemento e, por suposto, tamén en menos emisións”, destaca González.

O Concello de Nigrán estreou o mes pasado unha nova electroliñeira con catro subministradores de carga rápida en Panxón (ao carón do Pavillón) que se sumou á outra tamén de Iberdrola inaugurada o pasado mes de outubro ao carón do Centro de Negocios do parque empresarial Porto do Molle e á semi-rápida gratuíta disposta no 2018 polo propio Concello ao lado da Casa Consistorial. Así, a localidade ostenta o récord de electroliñeiras en espazos públicos de España.

Paralelamente, o goberno local aprobou no 2018 unha bonificación do imposto de rodaxe nun 50% aos vehículos híbridos ou a gas (GLP) e nun 75% aos eléctricos ou híbridos enchufables, etiquetados estes últimos pola DGT como “0 emisións”. “Trátase de promover entre a veciñanza a compra de vehículos sostibles; é un transporte moi silencioso e o 100% eléctrico non produce ningún tipo de emisións, é unha labor da administración promover o uso de enerxías limpas e facilitar o acceso a elas mediante este tipo de iniciativas”, finaliza.