Baiona conmemora a primeira volta ao mundo cunha exposición no CPI Cova Terreña

O Colexio Público Integrado Cova Terreña de Baiona, en colaboración co Centro Cultural Educativo Español Reyes Católicos da Embaixada de España en Colombia, inaugura este xoves, 15 de setembro, ás 18:00 horas, a exposición “V Centenario da Circunnavegación de Magallanes e Elcano (1519-1522)”, obra da Profesora Cristina Portillo e o Profesor Pablo Pinedo, que desenvolveron o seu labor docente no centro do Ministerio de Educación de España en Colombia. A mostra, que se poderá visitar ata o 30 de setembro, está dirixida e coordinada por María Isabel Martínez Cabaleiro, directora do centro educativo, que coordinará o horario de visitas dos grupos dos centros escolares.

É unha exposición eminentemente escolar que abarca as tres etapas educativas: etapa Infantil, cuns quebracabezas para realizar no espazo da exposición; etapa Primaria, cunha guía didáctica para entender a exposición; etapa Secundaria, con guías didácticas de Xeografía, Historia, Bioloxía e Xeoloxía. A exposición comprende cinco partes: zona Infantil con quebracabezas; zona de especias para valorar a súa cor e cheiro; zona de medios audiovisuais, con vídeos, películas e documentais específicos; zona de lectura con libros sobre o tema; e zona con 35 paneis (carteis) e 25 bastidores (óleos).

Esta exposición xa se presentou en distintas cidades de Colombia, México e Ecuador. En Galicia estará nas dúas localidades máis relacionadas co Novo Mundo, Baiona como primeiro lugar onde chegou unha embarcación despois de chegar a América (A Pinta) e Caldas de Reis, localidade natal da familia de Francisco José de Caldas (1768- 1816), botánico e prócer da independencia de Colombia. Despois de Baiona viaxará a Málaga.