Os pianistas, guitarristas, violinistas, clarinetistas e saxofonistas pecharon unha tarde de conto no Auditorio Lois Tobío a través do libro da escritora Soledad García “Un paseo por Gondomar”. Literatura e música para finalizar o curso do Conservatorio de Gondomar, con máis de 39 anos de experiencia e polo que pasaron a gran parte das e dos músicos da comarca do Val de Miñor.
O alcalde Paco Ferreira agradeceu o gran traballo do alumnado para musicalizar o libro que pon en valía o patrimonio arqueolóxico e ambiental de Gondomar a través dun paseo polas súas dez parroquias, destacando a importancia do Conde Diego Sarmiento de Acuña e o potencial cultural de Gondomar.
O rexedor explicou que o libro ademais das fermosas ilustracións e coidada maquetación do grupo Solaina, conta cunha ruta QR para fomentar hábitos de vida saudables e coñecer lugares tan máxicos como o xacemento de Chan do Cereixo en Donas, os petróglifos de Chan de Outeiro de Couso, os muíños da Serra de Peitieiros, o barrio da Pedra de Morgadáns, a Pedra dos Corazóns de Chaín, o xacemento de Auga da Laxe de Vincios, o acueduto do Bravo en Gondomar, o pazo de Vilarés de Vilaza, a ponte románica de Mañufe e o castro de Pedra Moura de Borreiros.
A escritora Soledad García expresou que “Un paseo por Gondomar” é o broche final da saga Dedas, o libro que medra polo Val de Miñor, pensado para ler e desfrutar en familia xogando coas actividades e experimentos científicos presentes en cada capítulo para espertar as fadas de Gondomar e vencer ao Trasno do mal.
O alcalde Paco Ferreira informou que o libro será entregado aos colexios como material educativo e está dispoñible no Concello para toda a cidadanía, ademais de ser un referente turístico de Gondomar.







