Inscricións abertas para a XXII Marcha Cicloturista Concello de Gondomar

O vindeiro domingo 11 de setembro celebrarase a XXII Marcha Cicloturista Concello de Gondomar, organizada polo Club Ciclista Gondomar. Este ano, Gustavo Veloso, Andrea Iglesias, Ricky Buba, Gustavo Rodríguez e Aida García serán os Padriños da Marcha.

Esta marcha ciclista está aberta a todos os ciclistas que estean en posesión da licenza Federativa do ano en curso e sexan maiores de 15 anos. Os que non posúan a licenza federativa, poderase tramitar unha licenza temporal válida só para a celebración da proba, debendo pagar un suplemento de 10 € á cota de inscrición, que é de 15 €. Para Carné Ciclista e Tríatlon o prezo é de 20 €.

A saída da marcha, cunha distancia de 106 km, será ás 9:30 horas desde a Praza do Concello. O percorrido será Gondomar, Baiona, Oia, A Guarda, O Rosal, Tomiño, Alto de Tebra, San Antoniño, Tui, Monte Aloia, Morgadáns, Couso e regreso a Gondomar.

As inscricións pódense realizar a través da web do club. A recollida de dorsais será o día da marcha de 8:00 a 9:00 horas.