O BNG considera “un completo despropósito” a xestión de Juan González como presidente da Mancomunidade

O Bloque Nacionalista Galego en Baiona, Nigrán e Gondomar considera “un completo despropósito” a xestión de Juan González como presidente da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor.

Así, o BNG quere poñer de manifesto e denunciar publicamente que o actual Presidente da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, o alcalde de Nigrán Juan González, non convocou o pleno ordinario que correspondía no mes de setembro e no seu lugar convocou un pleno extraordinario en outubro coa escusa da aprobación da conta xeral do ano 2021. Este trámite leva en curso dende o pasado mes de maio, polo que a urxencia vén interposta por non convocar o pleno ordinario. Do mesmo xeito, cabe lembrar que nunha convocatoria extraordinaria non hai lugar a mocións e preguntas, polo que, moitos temas de interese para a comarca non puideron ser tratados.

“A súa nefasta dirección viuse reflectida no propio plenario coa decisión de convocar un novo pleno extraordinario para este vindeiro xoves para tratar asuntos propostos polo Partido Popular, saltándose a lexislación e os estatutos da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor”, denuncian os nacionalistas.

“Con todo isto e tendo en consideración o grave desleixo na dirección do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Val Miñor, coa total inacción na problemática laboral e de acoso como determinou o informe e sanción da Inspección de Traballo e Seguridade Social, dende o Bloque Nacionalista Galego na comarca do Val Miñor volvemos solicitar, como hai dous meses, a súa renuncia ao cargo de Presidente da Mancomunidade”, conclúen.