Depedro, La Habitación Roja e as “Charlas en chanclas” este venres no Barbeira Season Fest

Este xoves, o Parque da Palma de Baiona ateigouse de público para desfrutar do primeiro día de grandes concertos do Barbeira Season Fest, que se prolongará ata o próximo domingo. As preto de 2.000 persoas congregadas no recinto, gozaron cos concertos de Bala, Anabel Lee, Carolina Durante e León Benavente e, para rematar, coa sesión de Señora DJ. Este venres será un dos días fortes do festival, que vén cargado dunha nutrida oferta de actividades, concertos e contidos culturais.

“Charlas en chanclas” e presentacións de libros

A partir das 12:00 horas, nos exteriores da Casa de Navegación, inaugurarase o ciclo “Charlas en chanclas”, un “minicongreso de conversas”, ao que o público pode asistir de balde, arredor de distintas disciplinas vinculadas á música. O ciclo arranca coa charla “Música e literatura. Diálogos de conveniencia”, na que participarán os escritores Ledicia Costas, Pedro Feijóo, Diego Giráldez e Jorge Martí, vocalista de “La Habitación Roja”. A conversa estará conducida pola xornalista María Díaz e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a colaboración da Librería Atlántica.

Ás 13:00 horas, acompañado da actriz Arantxa Treus, Jorge Martí presentará o seu libro “Canción de amor definitiva”. Xa pola tarde, ás 16:00 horas, o xornalista Javier Becerra impartirá a charla “La música no es lo importante”. E ás 17:00 horas, para pechar o ciclo, terá lugar a charla “Música e marcas. Mestúrate comigo”, con Rubén Peireró, responsable de comunicación e acción cultural en FNAC, Hugo Pérez, brand manager de Mahou en Galicia, e Víktor Flores, ex responsable de marketing cultural de Red Bull. Conduce a charla a xornalista Rocío Carreiro.

Os concertos do venres

O venres subiranse aos dous escenarios do recinto do Parque da Palma algúns dos grandes grupos do cartaz desta cuarta edición. Dende as 18:00 horas, no Escenario Xacobeo, o público poderá gozar cos concertos das bandas emerxentes do indie a nivel estatal Morreo, Diamante negro e Emilia, Pardo y Bazán. No Escenario Vibra Mahou, a partir das 20:30 horas, as sesións de DJ Moderno iranse intercalando cos concertos de La Habitación Roja e Depedro, que pechará a xornada. A partir das 02:30 horas, o público poderá continuar a noite na after party do Villa Rosa ou outros locais de Baiona. A programación dos concertos, actividades náuticas, os horarios e toda a info sobre o Barbeira Season Fest pódese consultar na web do festival.

Venda de entradas

As entradas pódense comprar na súa web tanto por día como o abono para gozar da “experiencia Barbeira” na súa totalidade. Tamén están á venda na taquilla situada na entrada do recinto. Todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán comprar as entradas ao Barbeira Season Fest cun 15% de desconto. O Barbeira Season Fest conta co patrocinio da Xunta de Galicia, no marco do Xacobeo 21-22, e a colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Baiona e Vibra Mahou.