O PP quéixase do estado no que se atopa a estrada de acceso á Virxe da Rocha

O PP de Baiona quéixase do mal estado no que se atopa a estrada EP-2202, o viario que dá acceso á Virxe da Rocha, moi transitado por veciños e por visitantes ao longo de todo o ano e, especialmente, durante o verán. Precisamente, este domingo celébrase a tradicional romaría da Virxe da Rocha e, ao non limpalo durante o últimos tres meses, a maleza asolaga as marxes. “As matogueiras están máis altas que o propio valo de seguridade, superando o metro de altura”.

Para os populares, a imaxe da estrada é “bochornosa” e urxe ao tripartito a que esixa á Deputación, como titular do viario, o seu acondicionamento. “Tanto nesta EP-2202 como no resto de viarios propiedade da administración que dirixe Carmela Silva a imaxe deixa moito que desexar”. Os veciños, consideran desde o grupo municipal do PP, “non se merecen esta falta de mantemento cando pagan os seus impostos relixiosamente”.

Lembran os populares que o Concello de Baiona, como entidade máis próxima aos cidadáns, é a responsable de que a Deputación cumpra coas súas obrigacións. O goberno local é o que, ante esta inacción, debe requirir a través de todas as vías posibles que se executen estes traballos. O que ocorre, a xuízo do PP, é que “a este tripartito non lle fan caso nin os seus propios compañeiros de partido”.