A organización do Season Fest, que se celebrou en Gondomar a finais do mes de setembro, fai un balance positivo desta edición. Segundo informan, máis de 3.000 persoas pasaron polos recintos do Parque das Ánimas, A Coelleira e a Casa Peralba do municipio durante os catro días que durou o festival. A organización do certame quere agradecer unha vez máis a todo o público que continúa confiando nun festival “distinto, acolledor, exclusivo, pequeno pero poderoso”. O director do Season Fest, Isaac González, sinala que “este ano, grazas á xenerosidade do Concello de Gondomar e os seus veciños, o noso festival consolídase coma un referente dos festivais bonitos de Galicia”. “Sempre dixemos que non procuramos un festival multitudinario, queremos un festival único, cómodo, familiar, no que a programación e a contorna estean en sintonía e en Gondomar conseguimos alcanzar todo isto”, comenta.
Do 28 ao 30 de xuño
O Season Fest anuncia que o ano que vén celebrarase no mes de xuño, concretamente os días 28, 29 e 30. Ademais, na reunión mantida co Concello de Gondomar para analizar en conxunto a repercusión da edición deste ano na localidade, decidiuse que a histórica Casa Peralba siga sendo o epicentro do festival, que se integrará con distintos espazos da vila. O festival informa tamén de que xa hai algunhas bandas confirmadas para a vindeira edición como, por exemplo, Querido, o grupo liderado por Andrés Ferreiro. Como xa é habitual dende hai 5 anos, o Season Fest apostará por un cartel no que se mesturen grupos consagrados e bandas emerxentes do indie galego e nacional.
Entradas “a cegas”
Por outra banda, a organización informa de que nuns días estarán dispoñibles na web do festival as entradas “a cegas” para 2024 (entradas a prezos reducidos a disposición do público que máis confía na organización e a programación do Season Fest). O Season Fest conta co apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Fest Galicia, AIE, Concello de Gondomar, e Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que crea encontros en torno ao directo. Tamén colaboración de empresas como o Grupo HGA.

