Nigrán agradece a solidariedade de Vigo coa situación de seca na comarca e lamenta a pasividade da Xunta

O Concello de Nigrán agradece publicamente a iniciativa do Concello de Vigo de deixar de consumir auga do embalse de Zamáns (do que se abastecen uns 60.000 vigueses) para así preservar a totalidade deste recurso hídrico para Nigrán. Así o anunciou esta mañá o seu alcalde, Abel Caballero, tras unha reunión en Praza do Rei co seu homólogo de Nigrán, Juan González, e de Baiona, Carlos Gómez.

“Só podemos estar agradecidos a este concello veciño que fai máis por nós do que ten amosado a Xunta ata o de agora”, expón o alcalde, Juan González, quen recrimina a “absoluta pasividade” do goberno autonómico ante a baixada diaria dun 0,5% da capacidade desta presa, actualmente ao 50,05%. “Desde a Xunta limítanse a facer advertencias e ameazas sen achegar ningunha solución e nin tan sequera reunirse con nós e ofrecernos información”, lamenta. “Esta noticia de Abel Caballero danos tranquilidade ante a posibilidade de que sexa un outono seco”, explica González, quen engade que esta solidariedade de Vigo sería recíproca para toda a comarca. “Baiona depende do embalse de Baíña, que está en peor situación, así que de ser preciso se lle transferiría auga de Zamáns a través de Nigrán”, aclara.

O Concello de Nigrán deu a semana pasada un paso máis na súas medidas de redución do consumo de abastecemento público pedindo á veciñanza mediante un Bando que non empregue esta auga nas casas para rego de hortas, xardíns, baldeos, enchido de piscinas, limpeza de coches e fachadas así coma posibles usos lúdicos. Anteriormente, a inicios de mes, o Concello pechou duchas e lavapés das súas praias e xa desde xullo non se realizan baldeos nin regos. Todas estas medidas supoñen un aforro diario de máis de 37.000 litros.

“Se entre todos aforramos auga chegaremos mellor ao mes de setembro e outubro, cando é máis habitual que chova, en cambio, se ignoramos a situación e non minimizamos consumos podemos chegar a ter que tomar máis medidas”, conclúe o alcalde.