Interceptado un camioneiro que duplicaba a taxa de alcol circulando de forma errática pola AP-9

A Garda Civil interceptou a pasada fin de semana a un veciño de Vilanova de Arousa, de 59 anos, cando circulaba de forma errática conducindo un camión pola autoestrada AP-9. O camioneiro superaba o duplo da taxa de alcol permitida para este tipo de vehículos.

A incidencia foi observada á altura do km. 147 da AP-9 por un garda civil pertencente ao Subsector de Tráfico de Pontevedra, que casualmente viaxaba no seu vehículo particular detrás do camión, que circulaba sentido A Coruña. Ao observar o evidente risco que supoñía para a circulación a súa perigosa forma de conducir, pasou inmediato aviso á Central Operativa de Tráfico (COTA), co fin de que unha patrulla uniformada puidese interceptalo, á vez que se mantiña con prudencia detrás do camión tratando de impedir que os demais usuarios non o pasasen para evitar un posible accidente.

Despois dun intento errado de que detivese a marcha na peaxe de Vilaboa ao non atender ás indicacións que lle facía este garda civil que viaxaba no seu vehículo particular, finalmente o camioneiro puido ser interceptado por unha patrulla uniformada do Subsector de Tráfico de Pontevedra á altura do Km. 1,150 da PO-531, pouco despois de abandonar a autoestrada pola saída 129 (Pontevedra Norte).

Ao ser identificado realizóuselle a proba de alcoholemia que deu resultado positivo, con 0,42 mg/l en aire expirado, o que supón unha taxa case tres veces á máxima permitida para a condución deste tipo de vehículos, que é de 0,15 mg/l.

Como consecuencia, o camioneiro foi notificado como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria. Este tipo de delito pode conlevar unha pena de prisión de 3 a 6 meses, multa de 6 a 12 meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días. En todo caso, tamén leva aparellada a privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Pontevedra, onde deberá comparecer cando sexa requirido pola autoridade xudicial.