A Garda Civil intervén un lote de fármacos predispostos para a venda nun local de copas de Baiona

A Garda Civil investiga penalmente por un presunto delito contra a saúde pública ao propietario dun local de copas de Baiona, e a unha amiga, onde se incautaron varios centenares de pastillas de varios fármacos que estaban destinadas para a venda aos clientes. Trátase de dous medicamentos, Tranxilium e Targin, de venda autorizada en farmacias, unicamente con prescrición médica, que consumidos sen control nin prescrición facultativa producen efectos psicotrópicos, nalgúns casos con efectos similares á heroína. A incautación produciuse no marco dun operativo realizado por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán para previr e erradicar o consumo de estupefacientes na vía pública e en establecementos de lecer.

Dentro das actuacións que se levaron a cabo durante a noite do 22 do pasado mes de outubro, realizáronse distintas inspeccións en locais de copas do centro urbano da localidade, sendo nun deles onde se interviñeron 300 pastillas de Tranxilium e 560 de Targin. Algunhas destas pastillas tíñanas ao alcance da man, no interior da barra do local, supostamente predispostas para a venda aos clientes e o resto gardábanas noutra estancia do establecemento. No transcurso da inspección incautouse tamén unha pequena cantidade de marihuana ademais de dous bates de béisbol, armas brancas (puñais, coitelos e navallas) e varios cartuchos de armas de fogo.

Tanto o propietario como unha amiga, que supostamente era a encargada de conseguir os medicamentos, foron notificados como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, á vez que se formularon varias denuncias administrativas derivadas da tenencia das armas e a munición que se lle interveu. As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, onde deberán comparecer os investigados cando sexan requiridos pola autoridade xudicial.