Nigrán ofrece un programa de competencias dixitais dirixido prioritariamente a veciñas desempregadas

O Concello de Nigrán colabora co programa de formación “Galegas Dixitais” que comezará en Nigrán o vindeiro 5 de setembro e cuxo prazo de inscrición está aberto do 24 de agosto ao 2 de setembro. Está financiado polos Fondos europeos NextGenerationEU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Ministerio de Educación e Educación Profesional e está dirixido a mulleres e integrado polos seguintes bloques temáticos:

  • Competencias dixitais básicas con 40 horas de duración.
  • Competencias dixitais avanzadas con 40 horas de duración.
  • Competencias dixitais para o empredendemento con 40 horas de duración.

O programa desenvolverase de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. Destinado a mulleres empadroadas no Concello de Nigrán, e terán preferencia as mulleres en situación de desemprego. No caso de non cubrirse todas as prazas poderán participar mulleres empadroadas noutros concellos. A formación inclúe un ordenador portátil que será entregado ás participantes e título acreditativo.

As mulleres interesadas deberán presentar o formulario de inscrición no Rexistro Xeral do Concello de 9:00 a 13:00 horas ou a través da sede electrónica, acompañada da seguinte documentación: tarxeta de desemprego ou tarxeta de mellora de emprego. Para máis información poden dirixirse ao Centro de Información ás Mulleres no teléfono 986 383081 ou no correo electrónico cim@nigran.org.