A Comisión de Festas de Priegue anuncia un novo evento cultural que promete ser un día inesquecible. En conmemoración do día das nosas letras, organizan un día completo de actuacións musicais e actividades, para deleitar aos veciños, veciñas e visitantes da parroquia.
O Torreiro de Priegue será o escenario que acollerá esta proposta de lecer o vindeiro sábado 18 de maio a partir das 12:00 horas. O festexo dará comezo co recital de poesía da homenaxeada este ano, Luísa Villalta, a cargo da Asociación Cultural Lucenza-Ateneo de Nigrán.
A actuación central do evento será ás 13:00 horas cun acústico do grupo de orixe miñorano Dakidarría, que fai un oco na súa apertada axenda para celebrar este día na parroquia do seu primeiro vocalista e guitarrista, Gabri. Ás 16:00 horas actuará o grupo de gaitas “Malas Herbas” de Camos e a partir das 20:30 horas será a quenda do artista baionés San Eskalera.
A partir das 17:00 horas celebrarase un torneo de futbolín con premios para os 3 primeiros clasificados. As inscricións poderanse facer no mesmo día ou no teléfono 697 54 11 43. Ademais da oferta cultural a comisión dispoñerá dunha barra con bebidas e chouripán e fará sorteos durante todo o día. A churraría “La Eulogia” poñerá o toque doce do evento co seu posto de churros.

