Os “autos tolos” regresan a Camos

Os verdadeiros “autos tolos” regresaron este luns a Camos para deixar imaxes delirantes nesta parroquia que se pode considerar o auténtico berce do deporte en Galicia. Concello de Nigrán e Asociación Eixo Tolo ofreceron tras dous anos de parón pola pandemia a XIV Baixada de Carros de Bólas na rúa San Roque con preto de 80 carrilanas inscritas.

A principal novidade foi que a proba estreou parte do percorrido co obxectivo de gañar en espectacularidade, así, volveron saír do Torreiro de San Roque pero, en lugar de finalizar na Touza, viraron á esquerda na rúa Xuncido (barrio de Balinfra) para afrontar maior desnivel, unha rasante e unha pinza no trazado de 90 graos na propia meta. En total trátase de 1 km de lonxitude cun desnivel do 80%, o que fixo que os bólidos “voasen” a case 110 km/hora e, no caso dos máis artesanais, a 80 km/hora.

Unha trintena de carrilanas federadas de todo o norte peninsular participaron na Copa España e outra trintena competiron no Campionato Libre Eixotolo, destinado ás máis artesanais, completando un total de tres mangas nas modalidades individual e colectiva de carrilanas de rodamento, pneumáticas, triciclos, drift trike e skeleton.

Os que participaron por libre competiron en función da orixinalidade na construción. Estes premios dos non federados limítanse aos carros de bólas (vehículos que se desprazan a través de rodamentos) co obxectivo de potenciar esta construción primitiva. O premio á carrilana máis elaborada foi para “Dragón” (300 euros), seguida por “Cabalo” (150 euros) e “Wall-E” (100 euros). O trofeo ao “Era Visto” foi para Manuel Baqueiro e o artefacto máis rudimentario “Os Hawaianos”.

Na categoría C10 (skeleton) levou a vitoria Maikel David Corredoura Cebrel, acompañado no podio por Rubén Iglesias Carballo e Roy Estévez Mariño, en segunda e terceira posición respectivamente. En C4 o primeiro clasificado foi Iván López Maseda, ocupando o segundo posto Diego Cotoya. En C8 o gañador foi Jose Antonio González do Río, mentres que Marcos Claro González ocupou o segundo posto. Daniel Domínguez Vázquez pechou o podio en terceira posición. En C9 resultou gañador Hugo González Lameiro.

Na modalidade de Drift Trike (triciclos) o mellor tempo foi o de Emilio Cochón Alonso, seguido de Simón Salgueiro Filgueiras e Miguel Ángel Rodríguez en segunda e terceira posición respectivamente. Samuel Mallo Casalderrey levou a vitoria en Pneumáticas GX-I, categoría na que Salvador Costas Vilas foi segundo. En Pneumáticas GX-C os gañadores foron Iván Romay Prieto e Diego Roma, por diante de David Braña e Aroa. Finalmente, na categoría Rodamentos, a vitoria foi para Jonathan Hermida e Odillo Hermi. Manuel Baqueiro foi segundo e Fran Hermida e Marta Álvarez completaron o podio en terceira posición.

Esta proba de carrilanas en Camos foi realizada por vez primeira en 1985, sendo a máis antiga de Galicia da que se teña coñecemento. Entre os seus grandes impulsores está Gerardo Ferreira, participante desde a súa orixe e promotor grazas á Asociación Eixo Tolo. “As carrilanas forman parte da tradición de Camos, cada neno construía o seu carro de bólas e xogabamos con el. Agora facemos este campionato para garantir que non se perda e en dous anos gustaríanos poder acoller o Campionato de Europa”, explica.


El pase de diapositivas requiere JavaScript.