Tres xogadores da ED Val Miñor de Nigrán marchan para o Barça e o Villarreal

As grandes promesas do fútbol nacional levan o selo de Nigrán no ADN e se chaman Pedro Fernández, Pedro Villar e Iker Folgar, os tres xogadores da E.D. Val Miñor-Nigrán e compañeiros de equipo. Os dous primeiros, de 14 anos e das parroquias de Priegue e Camos respectivamente, trasládanse a mediados de mes a vivir á Masía para xogar no F.C. Barcelona (Cadete B) e Folgar, de 15 e de Nigrán, marcha este domingo para o Villarreal (Cadete A). Por este motivo, o alcalde da localidade, Juan González, acudiu no mediodía deste venres ao campo municipal de Condomínguez para asistir ao seu derradeiro adestramento como “valmis” e achegarlles uns agasallos marca Juan María by lolola da colección #ParaísoNigrán (marca de vestir de moda inclusiva do CEE Juan María).

“Son tres veciños que comezaron con 3 anos na E.D. Val Miñor e que nesta escola de Nigrán se transformaron en auténticos deportistas de elite reclamados polos clubs máis punteiros, para o Concello eles son os mellores embaixadores que podemos ter e queremos desexarlles sorte”, transmitiulles o alcalde, Juan González, quen aproveitou a ocasión para felicitar á escola de fútbol “por impartir a mellor formación deportiva e técnica a máis de 200 nenos de Nigrán e 400 da comarca poñendo sempre por riba de todo os valores da amizade, a humildade, o compromiso e o respecto”. “Os ‘Pedros’ e Iker son o mellor exemplo do bo facer desta escola de fútbol: tres rapaces que sendo xa unhas auténticas figuras no fútbol base manteñen os pés na terra e, sobre todo, seguen a ser nenos excepcionais”, engade González, quen eloxia “o mérito que ten sobresaír desta maneira nun deporte de masas como é o fútbol” e recorda neste sentido ao xogador do Celta Kevin Vázquez, “persoa tamén excelente e de Camos, como Villar”.

Pola súa banda, o presidente da E.D. Val Miñor-Nigrán, Juan Díaz, destaca o orgullo e ledicia que supón para a entidade favorecer o progreso dos seus xogadores, como xa foi o caso dos irmáns Alcántara, Rodrigo Moreno ou Santi Comesaña. “Oxalá que teñan moito éxito no eido deportivo e, sobre todo, que sigan a crecer como as excelentes persoas que son a día de hoxe porque son realmente rapaces excepcionais”, subliña.

“Non estou nervioso para nada, vou tranquilo e confiado, pero recoñezo que me preocupa deixar aquí á miña familia e amizades”, explica o centrocampista Pedro Villar, quen mantén ata a vindeira semana o brazo escaiolado tras partir este mes de xuño cúbito e radio nun partido como capitán da selección galega no Campionato de España de seleccións autonómicas. Pola súa banda, o seu compañeiro de equipo e amigo inseparable desde a infancia, o mediapunta Pedro Fernández, admite que si está algo máis inquedo polo seu propio carácter. “Nunca xamais pensei que nos podería querer o F.C. Barcelona, así que desde que me chamaron non dubidei que quería ir”, confesa Fernández. Nacidos ambos con 24 horas de diferencia en xaneiro de 2008, “culés” de sempre e amigos desde o berce, agora compartirán habitación na Masía, unha realidade que lles dá moita seguridade a ambos. “Que dous rapaces dun mesmo equipo sexan fichados polo Barça é algo extremadamente raro, e nós somos conscientes desa sorte e queremos aproveitala”, explican. Ambos seguen o ronsel dos Alcántara hai 17 anos e coñecen xa a moitos dos seus compañeiros e ao adestrador tras ter visitado a Masía en febreiro e xogado o Campionato de España de seleccións autonómicas. Os dous levan o fútbol no sangue: Villar é fillo do director deportivo da E.D. Val Miñor-Nigrán, Alejandro Villar, e neto do histórico xogador do R.C. Celta Luis Villar, mentres que o pai de Fernández xogou na canteira do Celta. Para os “Pedros” o seu referente tamén é común: o azulgrana Gavi.

No caso de Folgar, extremo esquerda, marcha este domingo para Villarreal coa tranquilidade de que a súa nai deixará Nigrán para instalarse a poucos quilómetros da residencia da cidade deportiva onde el vivirá. “Non coñezo aos meus compañeiros e co adestrador falei por teléfono”, explica este xogador admirador do regate de Neymar que el precisamente domina e decidido a “aproveitar a estancia no Villarreal”. “É un xogador moi desequilibrante e de gran calidade”, destaca o seu adestrador.