O PP acusa o tripartito de multiplicar os gastos correntes e “acabar cos aforros dos baioneses”

O Partido Popular asegura que o Concello de Baiona está a quedarse sen diñeiro porque o goberno local que preside o socialista Carlos Gómez e o seu equipo multiplicou os gastos ordinarios neste último ano e, para poder pagar as facturas, está a tirar do diñeiro do remanente de tesourería. É dicir, do diñeiro que o consistorio tiña aforrado procedente dos impostos dos veciños. O anterior goberno local do PP deixou en 2019 un total de 4,5 millóns de euros de remanente, en decembro de 2021 quedaban 2,1 millóns e a día de hoxe apenas hai 250.000 euros. Os populares auguran que, de seguir por este camiño de malgaste a falta cinco meses para finalizar o ano, acabarán endebedando ao Concello antes de que termine a lexislatura.

“Este malgasto é consecuencia da política desastrosa que caracteriza ao tripartito desde o primeiro momento. En marzo de 2022 aprobaron os orzamentos municipais para esta anualidade e, tan só cinco meses despois, xa os teñen practicamente esgotados por dous motivos fundamentais: eran unhas contas falseadas, que non recollían as necesidades reais dos veciños e porque PSdeG, BNG e NÓS dedicáronse a malgastar o diñeiro en publicidade, festas, luces, asesores, execución de proxectos que xa existían ou contratacións externas dubidosas. Todo iso mentres, entre outras cuestións, reservaba unha contía ínfima para servizos básicos como o pago da electricidade municipal. Aprobaron o mesmo importe que hai dous anos aínda sabendo que o seu prezo duplicouse. Agora non queda máis remedio que pagar a cantidade que lles falta botando man dos aforros”, sinalan desde o PP.

Para os populares, outro bo exemplo “desta escandalosa xestión do tripartito, baseada na improvisación”, está nas facturas que descubriron na última semana, “a pesar dos impedimentos do alcalde para mostralas á oposición”, e que o executivo local levou ao pleno extraordinario urxente do pasado venres por valor de 800.000 euros, “a présa e correndo”. Cabe destacar o BaiVerán, que a pesar de reducir os seus días as fins de semana de agosto, está a custar máis que nunca (a previsión era de 147.000 euros e pagáronse 262.000 euros, o dobre do previsto). Tamén a Festa da Arribada, que pasou de 88.800 euros a 214.329 euros. En canto á da Anunciada o gasto ascendeu dos 120.000 euros aos 165.000, 45.000 euros máis.

“Unha falta de transparencia deste tripartito reiterada debido a que este goberno está a utilizar a figura dos plenos extraordinarios urxentes (entrega a documentación á oposición tan só dous días antes do pleno en lugar de entre 7 e 10 días como ocorre nos plenos ordinarios e extraordinarios) para aprobar paquetes de facturas e compromisos exprés e sen dar tempo suficiente á oposición para a súa revisión. En só dúas semanas convocaron dous”, critican desde o PP.

“Ademais, e como unha mostra máis deste escurantismo do tripartito, lembrar que os orzamentos que aprobaron fai cinco meses aínda non están colgados no Portal de Transparencia do Concello para que calquera cidadán poida visualizalos. É un auténtico despropósito nunca ocorrido no noso Concello, están a dilapidar o diñeiro de todos os baioneses sen control e sen importarlles as consecuencias que terá nos veciños”, censuran os populares de Baiona.