Danza, teatro e música na Semana Cultural San Roque de Morgadáns

A Asociación Cultural San Roque de Morgadáns organiza do 8 ao 17 de agosto a súa Semana Cultural, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, o Concello de Gondomar e a Entidade Local Menor de Morgadáns.

Abrirá a programación prevista a escola de baile moderno DanzArte de Mañufe o luns 8, e seguiralle Dania D’Alfonso co seu espazo Abrazo Cósmico no que comparte poesía e canción o martes 9, o Grupo de Teatro de Gondomar o mércores 10, a escola de baile LDanzia de Gondomar o xoves 11, o Grupo de Teatro “A Moura” de Chaín coa súa obra “O vestido de noiva” o venres 12, a Asociación de Danza de Gondomar o sábado 13 e a escola de danza Paradela de Gondomar o domingo 14. Todas as actividades comezarán ás 21:30 horas.

O luns 15 de agosto actuará o Grupo de Canto Tradicional do Centro Cultural de Peitieiros ás 13:00 horas; desde as 17:30 haberá inchables e animación con Animar-T; e ás 21:30 o concerto da orquestra de acordeóns Cataventos do CCAR Valladares. A Semana Cultural chegará ao seu fin o mércores 17 cun concerto en tractor pola parroquia do Grupo de Gaitas do Centro Cultural “A Merced” de Chaín a partir das 11:00 da mañá.