Nigrán adxudica a cafetería do complexo deportivo municipal Dunas de Gaifar

O Concello de Nigrán autorizou a apertura da cafetería do complexo deportivo municipal Dunas de Gaifar (Panxón) tras licitarse a súa concesión e sometela previamente a unha ampla rehabilitación. A nova adxudicataria, que iniciou o servizo xa esta fin de semana, abonará un canon anual de 26.544 € (1.300 € máis do establecido nas bases como mínimo).

“Cremos que a demora na concesión pagou a pena porque abre totalmente renovada tras acometerse obras de mellora xeral e de accesibilidade”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca a principal diferencia de que o período de explotación aumenta dos 4 anos anteriores a 8 anos con posibilidade de prorrogarse outros 4 en períodos bianuais. A outra gran novidade é que a adxudicación cínguese ao inmoble da cafetería, zona de terraza, WC, e vestiarios, desligándose por vez primeira da xestión da zona verde e deportiva, que seguirán baixo a dirección do Concello. “Ao tenor das experiencias anteriores separamos estes dous aspectos e cremos que iso reverterá nun mellor funcionamento de todo o conxunto”, considera.

A cafetería deberá abrir durante todo o ano e durante toda a concesión cun horario mínimo de 9:00 a 22:00 horas, podendo pechar un día á semana na tempada de outubro a maio e debendo respectarse os horarios acordes á licencia de cafetería. “Abriu xa cunha imaxe totalmente renovada para ofrecer un servizo de calidade a veciños e visitantes nunha zona onde ademais existe esta demanda ao estar ao carón da praia e o centro de saúde”, explica o alcalde, quen incide en que “pola propia normativa non está permitida a actividade de ocio nocturno”.

Instalacións renovadas

As obras de mellora do Concello incluíron reparar ou repoñer todos os elementos que non se atopaban en condicións óptimas ou foran retirados, así como mellorar a accesibilidade. Non se realizaron cambios na distribución dado que o uso de cafetería se manterá igual nin se interveu na parcela exterior. As obras incluíron a reparación da cuberta, petos, e revestimentos ou a mellora das instalacións eléctricas, de ventilación ou fontanería e eliminación de barreiras arquitectónicas

Igualmente, elimináronse os cortaventos do alzado nordeste por impedir a accesibilidade e dotáronse aos aseos do equipamento preciso para persoas con mobilidade reducida, xa que carecía del. Paralelamente, debido ao seu mal estado, reparouse por completo a cuberta e os seus petos e substituíuse o canlón; completáronse as instalacións de fontanería e eléctrica (faltaban moitas luminarias e algunha toma); implementouse a ventilación e repúxose o pavimento da zona pública da cafetería (o linóleo estaba moi desgastado e presentaba irregularidades). Finalmente, as carpinterías exteriores de aceiro foron renovadas dado o seu gran deterioro, mentres que as interiores só precisaron ser pintadas e reparadas puntualmente. As obras incluíron o pintado da fachada e dos interiores (atendendo tamén aos seus revestimentos).

Adicionalmente, cunha finalidade estética, instaláronse pezas de madeira en vertical en dous tramos de fachada, por un lado na que dá cara as pistas de tenis e, por outro, na posterior, co fin de limitar o impacto visual das instalacións de aire.

“Entregamos ao concesionario unha cafetería renovada e en perfectas condicións para exercer a súa actividade, que é o que máis nos preocupa porque niso vai tamén a imaxe de Nigrán”, finaliza o rexedor.