Baiona substitúe a pasarela peonil de madeira paralela á Avenida Praia Ladeira

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Ponte de madeira sobre o río Guillade.

O Concello de Baiona atópase inmerso nos traballos de substitución da ponte de madeira paralela á Avenida Praia Ladeira, moi próxima ao cemiterio parroquial de Santa Cristina, que presenta unha importante deterioración. A ponte de madeira de piñeiro que serve para salvar unha canle de auga procedente do Río Guillade na súa desembocadura na Ría de Baiona, é a peza fundamental da intervención e supón uns 32.592,40 euros de investimento.

As obras fináncianse con cargo ás subvencións do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e consisten na renovación íntegra de elementos: procederase á substitución dos piares de madeira por columnas de granito; substitúense todas as vigas de madeira maciza por vigas laminadas GL24 de madeira tropical, tratadas en autoclave para clase de uso 3.2 e protexidas mediante a aplicación de lasur á auga satinado incoloro e transparente, aplicando dúas mans.

Outro dos cambios importantes tras os traballos de renovación, será o aumento do ancho da pasarela ata os 4 metros para dar continuidade ao paseo existente, mediante taboleiros ranurados de madeira de carballo de 20x4cm protexidos mediante a aplicación de lasur á auga con efecto antiescorregadizo en dúas cores contrastadas (piñeiro e teca), para dividir a senda peonil da de bicicletas, aplicando dúas mans. Así mesmo, as deterioradas varandas de madeira, serán cambiadas por outras completamente renovadas, mellorando en seguridade.

A ponte quedará renovada por completo. A nova dispoñerá de elementos máis resistentes ao paso do tempo e ás inclemencias meteorolóxicas, co fin de incrementar a durabilidade da infraestrutura. O concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, sinala que “trátase dun investimento necesario xa que as pezas rompen constantemente e temos que realizar continuas reparacións”.

Pola súa banda, o Alcalde, Carlos Gómez, destaca que “trátase dunha actuación de renovación en beneficio do gran número de usuarios e usuarias que transcorren pola zona. Así tamén, os veciños e veciñas desta zona de Santa Cristina da Ramallosa poderán gozar da mellora prevista”, e engade que “seguimos coa intención de poñer en valor as nosas parroquias, sempre co obxectivo de mellorar o día a día da veciñanza”.

Para levar a cabo estes traballos de renovación a pasarela peonil permanecerá pechada ao paso durante unha semana.