Baiona ofrece 19 campus deportivos para este verán e a tradicional “Semana Azul”

Esta mañá presentáronse en rolda de prensa os Campus Deportivos de Verán do Concello de Baiona. No acto participaron o Alcalde, Carlos Gómez, Yolanda Pérez, directora da oficina de Baiona de “CaixaBank” e a concelleira de Deportes, Miriam Costas. Trátase dun amplo e variado programa deportivo, no que destaca dunha maneira especial a oferta orientada aos campus, deseñada entre todos os clubs deportivos locais e que ofrece un total de 19 modalidades. Este verán incorpórase como novidade campus de deportes urbanos, de fútbol americano, de pádel e de tenis de mesa. Así mesmo, no acto tamén se presentou a “Semana Azul 2021”, a tradicional Campaña Escolar de Fomento de Deportes Náuticos totalmente gratuíta realizada polo Concello de Baiona. O consistorio subvenciona a totalidade dos cursos así como os pertinentes seguros para os escolares participantes.

Tamén acudiron ao acto representantes de cada un dos clubs deportivos que deseñaron a oferta deportiva de forma conxunta coa Concellería de Deportes: Erizana CF, Club Baloncesto Baiona, Club de Loita Sabarís, Club de Tenis Baiona, Galicia en Danza, MRCYates de Baiona, Club Piragüismo Baiona, Westsport Ladeira, Baíña FSala, Club de Patín Baiona, Club Atletismo Baiona, Vigo Vóley, Club de Bádminton Rosalía, Club Conquers de Fútbol Americano, Club de Tenis de Mesa Vincios, Escola de Surf de Prado, Escola de Running de Baiona, Academy Dance Vigo e Club de Ximnasia Rítmica Estelas. Tamén representantes da Asociación Deportiva Naútica Rías Baixas (ADN) que participa na Semana Azul.

A concelleira de Cultura, Miriam Costas, destacou que “durante todas estas semanas de verán contaremos nos Campus coa presenza de deportistas e técnicos de primeiro nivel nas distintas modalidades deportivas que desde unha óptica divertida transmitirán ás persoas participantes as súas experiencias, realizando xogos e tarefas que enriquecerán aos alumnos e alumnas”.

Tanto o Alcalde como a concelleira quixeron agradecer ás moitas entidades privadas e públicas que colaboran cos distintos campus xa que grazas ás súas importantes colaboracións é posible a organización dos mesmos. O rexedor fixo unha mención especial aos clubs por “a súa implicación co proxecto xa que sen a súa colaboración non sería posible ofertar un calendario e uns campus tan numerosos e interesantes para practicar deporte durante o verán en Baiona”.

Campus Deportivos de Verán

Os Campus Deportivos de Verán este ano ofertan un maior número de modalidades en deportes tan dispares como fútbol, baloncesto, ciclismo, deportes olímpicos de combate, tenis, actividades de patín, ximnasia rítmica, multideporte, vela lixeira, windsurf, piragüismo, pádel surf, surf, skate, hip hop, tenis de mesa, fútbol americano, danza, atletismo, bádminton, volei praia e fútbol sala, o que garante actividade dirixida durante 11 semanas a un prezo moi competitivo, todo iso froito dos convenios de colaboración existentes a través da Concellería de Deportes de Baiona cos clubs deportivos locais, “CaixaBank” e Fundación “La Caixa”.

A oferta ofrece alternativas de ocupación do tempo libre tanto de mañá como de tarde, para desta maneira axustarse aos horarios vacacionais e laborais dos interesados. Para facer público este calendario de actividades, a Concellería de Deportes realizou un folleto descritivo por días e meses de todas as alternativas de lecer que se ofrecen. Os distintos 19 campus desenvólvense ao longo dunha semana, en horario de 10:00 a 14:00 horas aínda que para facilitarlle aos pais máis marxe horaria establécese xa desde as 9:00 o horario de recepción dos alumnos. A excepción do campus náutico en xornada de tarde que terá un horario especial.

Esta última modalidade, campus naútico, amplíase con 4 quendas (mañá e tarde) para acoller ao maior número de interesados en practicar vela lixeira (MRCYates), piragüismo (Club Piragüismo Baiona) e windsurf e pádel surf (WetSports Ladeira) e surf (Prado Surf).

O prazo de inscrición estará aberto desde o 1 de xuño e para formular as matrículas as persoas interesadas deberán entregar o formulario de inscrición cuberto nas oficinas de Deportes situadas no Pavillón Municipal de Baiona en horario de 9:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas, tamén se dispón de teléfono de información teléfono 986 356 558 ou a través do e-mail: deportes@baiona.gal. Na páxina web municipal www.baiona.gal poderase descargar o formulario de inscrición e o folleto informativo.

En todos os Campus Deportivos os asistentes recibirán un equipamento deportivo así como un tentempé a media mañá para repoñer forzas.

Semana Azul 2021

Os próximos días 23, 24 e 25 de xuño, as Concellerías de Deportes e Actividades Marítimas de Baiona organizan unha nova Campaña Escolar de Fomento de Deportes Náuticos “Semana Azul 2021”, nas novas instalacións de WetSport Ladeira e na propia praia como centro neurálxico do devandito programa. Durante tres días en xornada de mañá e tarde os participantes poderán desenvolver e penetrarse en deportes náuticos como vela lixeira, pádel surf, windsurf, piragüismo, surf e kitesurf. No caso do surf volve incorporarse á campaña de fomento dos deportes náuticos e a oferta do kitesurf é totalmente nova sendo unha actividade que a través da Asociación ADN irase apoiando e incorporando á oferta deportiva de mar.

A idea é realizar xornadas continuas onde os participantes pasarán desde as 11:00 ata as 18:00 horas realizando deportes náuticos facendo unha breve parada ao medio día para tomar un bocadillo e repoñer forzas. O día 23 de xuño participarán escolares de 8 a 10 anos, o día 24 escolares de 11 a 13 anos, o día 25 de xuño participarán os escolares de máis de catorce anos. A Campaña consta de dous prazos de inscrición, o primeiro iníciase o 1 de xuño para os escolares dos centros públicos de Baiona e un segundo para partir do día 11 de xuño para o resto de escolares que queiran participar. Poderán participar todos aqueles interesados que cumpran os seguintes requisitos: saber nadar e ter máis de 8 anos.

Esta campaña nace coa intención de fomentar e achegar o mar como espazo de lecer e deporte aos máis novos e tentar desenvolver un hábito deportivo entre a poboación ofrecendo a posibilidade de coñecer e dominar un espazo que polas súas características xeográficas e culturais é de vital importancia no municipio.

Coa posta en marcha da Semana Azul do 2021, tamén se abre o período de inscricións para todos aqueles interesados en realizar algún curso de iniciación das actividades deportivas náuticas que para o presente período de verán ten previsto desenvolver o Concello de Baiona, que son vela lixeira, windsurf, piragüismo e pádel surf. Na páxina web municipal www.baiona.gal poderase descargar o formulario de inscrición.

As datas e os distintos campus programados son:

1 Danza >> 28 de Junio al 2 julio.
2 Tenis >> 28 de Junio al 2 julio.
3 Deportes de Combate >> 5 al 9 julio.
4 Rítmica >> 5 al 9 julio.
5 Tenis de Mesa >> 12 al 16 julio.
6 Deportes Náuticos 1 >> 13 al 17 julio.
7 Fútbol Sala >> 19 al 23 julio.
8 Deportes Urbanos >> 19 al 23 julio.
9 Fútbol >> 26 al 30 julio.
10 Vóley Playa >> 26 al 30 julio.
11 Multideporte >>2 al 6 de Agosto.
12 Atletismo >> 2 al 6 de Agosto.
13 Baloncesto >> 9 agosto al 13 Agosto.
14 Fútbol Americano >> 16 al 20 Agosto.
15 Ciclismo>> 16 al 20 Agosto.
16 Pádel >> 23 al 27 Agosto.
17 Actividades Patín>> 23 al 27 Agosto.
18 Deportes Náuticos 2 >> 24 al 28 de Agosto.
19 Bádminton >> 30 de Agosto al 4 Septiembre.